''Os xornalistas temos agora menos credibilidade que os militares ou os policías''
- Detalles
- Categoría: Media
- Publicado o Martes, 05 Xuño 2012 11:10
- Escrito por Vanesa Oliveira
Xosé Manuel Pereiro acaba de renovar o seu cargo como decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) ao que chegou en 2008. No seu discurso, pedía que a profesión fixese "exame de conciencia" ante a cidadanía para ver "se lle demos en xeral razóns para que confíe en nós, e se lle estamos vendendo viño ou auga da traída, e proporcionando argumentos para o debate ou munición para o combate." Unha reflexión, entre outras, na que profundiza nesta entrevista para Dioivo.
Falar de xornalismo leva aparellado hoxe moito de lamento. Non é para menos con cifras que arrepían como os 6.000 empregos destruídos, os 52 medios de comunicación pechados, os 23 ERE's, ou os 15 postos de traballo que se perden a diario nos medios. Cunha profesión fanada, queda algo de liberdade de prensa nas redaccións?
Si, son malos tempos, pero xa non eran bos cando eramos todos ricos. A crise profesional foi anterior á económica. Cando había grandes marxes de beneficios, as empresas non investiron en profesionais nin en xeral en mellorar o produto. E aos xornalistas tampouco nos importaba demasiado, porque non tiñamos moito estatus económico, pero si estatus social. Os gobernos deron en poñer o mapa mediático ao seu xeito, e os grupos empresarias metéronse nunhas guerras que, como pasa en todas, decláranas os xenerais e facémolas os soldados. E en xeral, os xornalistas participamos nelas sen demasiados problemas e cantando os respectivos himnos. Desde os comezos da democracia, as institucións que perderon máis a confianza da cidadanía foron os medios de comunicación e a xustiza. Agora temos menos credibilidade que militares ou policías, sectores que viñan do franquismo. E claro, tentar endereitar todo iso nestes momentos, cando se pechas unha porta sabes que non hai outras abertas, e con risco de quedar ao descuberto, é moi difícil.
En El País estades a vivir tamén unha situación difícil cunha ameaza de ERE para este ano. As asambleas de traballadores organizáronse para levar adiante algunhas medidas de presión se finalmente se confirma. Cres que certas empresas xornalísticas están amparándose na situación de crise para desfacerse de persoal?
En 'El País' o estatus que teño desde 1985 é o de colaborador, ou sexa que o tema laboral non é que me sexa alleo, que non, pero o que máis me preocupa, se pecha a edición de Galicia, é que se peche unha visión moi enriquecedora e consistente da nosa sociedade, e unha ventá na que aparecen traballos moi bos de xente excelente. E supoño que as empresas periodísticas fan o mesmo que as demais, pero este sector é dos poucos que quere afrontar a crise rebaixando a calidade do produto.
No teu artigo 'Cando se fodeu o xornalismo' falas de "gacetosauros" e "ciberflautas" como as extremas dunha leira sen botar. Para non seguir a perder o tempo enredando nesa silveira de vellos esquemas e pseudomodernismos, cal debería ser o modelo de xornalismo para o futuro?
Nesa columna xa dicía que non sei por que os xornalistas andamos todo o día a falar de modelos de negocio, e de vías de futuro, se diso non sabemos, polo menos eu. A min o do futuro soame a aquilo de “hai que aforrar e prepararse para o futuro”, algo reaccionario. E ademais, de que futuro falamos? Do ano que vén ou dentro de 15? Supoño que cando apareceu a televisión foi un golpe máis grande para a radio do que é internet para o papel. Eu penso que o problema non é de soporte (de feito, volve o vinilo). Cantos máis haxa, mellor. O que si hai é que adaptarse a eles. Para min as cuestións fundamentais son dúas, ou dúas son as que se me ocorren agora: un profesional debe ser versátil, pero o tempo non se estira. Se tes que elaborar información para varias canles, sempre será unha información peor que se o fas para unha. Segundo o último informe da situación da profesión que fixo o Colexio, a media é de cinco noticias diarias, o que nalgúns medios/formatos é pouco, pero noutros é moito. A outra é que a información de verdade custa producila dun xeito profesional e ese proceso ou o pagan os anunciantes ou o pagan os consumidores. Cando é de balde, é publicidade, ben ou mal intencionada, pero publicidade de parte. O problema é de supervivencia do xornalismo, que os gabinetes de prensa de empresas, institucións e partidos elaboren as noticias que redaccións cada vez máis cativas e peor pagadas non podan contrastar e os medios se convertan en meros taboleiros. Iso mentres conserven algo de prestixio, antes de que empresas, etc difundan as súas “noticias” directamente nas redes sociais.
No manifesto que fixo Alfonso Hermida para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia no Día da Liberdade de Prensa dicía: "O xornalismo encamíñase cara á súa autodestrución, e chegou o momento de reaccionar antes de que o último de nós asine a carta de defunción". Estamos reaccionando ou o funeral é incontestable?
A autodestrución viría supoño por ese camiño que dicía antes. Os editores foron substituídos en moitos casos por accionistas, fondos de investimentos que non distinguen como negocio un xornal dunha fábrica de papel hixiénico, e para aumentar a marxe de beneficio, despiden xente. Baixan as vendas e despiden máis xente ata que entran en perdas e pechan. Iso pasou nos Estados Unidos antes de que se lle puidese botar a culpa a internet. Dito isto, os xornalistas tamén parecemos os do teatro, que levan dicindo desde Shakespeare que a cousa morre, e aí está. Eu non vexo que reaccionemos, ou sexa que non debe ser a cousa tan grave, mais ben collemos ese tranganillo. Quero dicir, a min paréceme grave, pero como non reaccionamos, debe ser que non o é.
Desculpa a miña decepción, pero eu non vexo solidariedade entre compañeiros de profesión. Teño visto a moitos torcer a vista cando os que se sentaban á súa beira foron despedidos. Agora parece que hai unha maior reacción, pero só porque quen máis ou quen menos xa lle viu as orellas ao lobo. Non cres que sobra individualismo e falta unión na profesión?
Que me vas contar a min de decepción e de solidariedade, que cada pronunciamento que fai o Colexio supón facer unha enxurrada de “amigos”, non só entre as empresas e as institucións, como sería lóxico, senón moitas veces entre os profesionais. A última vez que lembro que todos os asistentes a un acto informativo se ergueron e se foron como reacción a unha agresión dun convocante a un xornalista foi cando o Mar Exeo. E que non me veñan coa presión das empresas. A ningunha empresa lle gusta que o seu representante se deixe pisar ou deixe que se pise publicamente a un compañeiro. Non sei. Debe ser consecuencia diso de ter moito máis estatus social que económico, ou de pensar que somos profesionais liberais, cando en realidade somos asalariados, ou unha consecuencia do escepticismo de ver como son as cousas por tras do telón. O escepticismo está ben, pero o cinismo conduce á inacción. Ou quizais sexa que, como dicía P.J. O’Rourke que “moitos periodistas, cando comezan a facer información política, comezan a pensar en si mesmos como participantes no proceso politico, en lugar de ser taquígrafos prestixiados”.
No teu artigo comentas que o principal problema que lle ves ao xornalismo é que pasou de conformar unha visión da sociedade a deformala. Nese sentido, coidas que se rebasaron os límites da submisión? É dicir, un xornalista acepta como verdade absoluta que un medio de comunicación o contrata para contar a realidade ao servizo dos seus intereses, non para elaborar información veraz e rigorosa?
Ben, ou se resigna, ou o acepta como verdade absoluta ou é peor: tanto lle ten. Eu dicía que entendo que é normal asumir a liña editorial: poñer que o vaso está medio cheo ou medio baleiro, pero non negar a existencia do vaso, ou inventar que hai unha botella. Pero o fenómeno non afecta soamente aos xornalistas, senón tamén os lectores e as audiencias, que están cada vez máis segmentadas e en lugar de demandar argumentos dos medios, esixen munición. Nese contexto, ir pola vida de veraz e rigoroso non é o mellor método para consolidarse, e a esixencia de independencia dos medios vén significando o mesmo que alguén dicía que quen esixía xustiza, no fondo o que esixía era que lle deran a razón.
Polo que contou o decano da Facultade de Xornalismo, Xosé Pereira, nunha entrevista en Dioivo, dende o ámbito universitario non se van a reducir as prazas para estes estudos. Co ritmo actual de destrución de emprego, aos xornalistas só nos queda a emigración -tanto de país como de profesión digo-?
Esta é moi mala profesión para emigrar, porque traballas coa linguaxe, que é algo máis concreto aínda que o idioma, e coa inmersión nunha sociedade. Emigrar de profesión é máis doado, porque cada vez hai máis oficios fronteirizos co noso. O malo é cando tes vocación para isto e non tes nin a oportunidade de probala con fogo real. E o peor é que unha parte importante da mellor mocidade do noso país, ou polo menos da que saca mellores notas, se apunta a algo que parece unha vía sen saída. Dito isto, tamén é certo que antes tiñas que agardar a que contratase un medio para facer xornalismo, e agora non se precisa dunha empresa para informar. O malo é que para comer todos os días aínda si.
Na rede están a agromar novos medios de comunicación -Praza ou Dioivo son un exemplo- de vocación renovadora do sistema tradicional de medios: autoxestión e financiamento a través dos lectores/usuarios parecen ser as súas bazas para elaborar información que non dependa das axudas públicas ou de grupos económico-políticos de presión. De feito, os ex traballadores de 'Público' queren mercalo e xestionalo nunha cooperativa. Esta é a única liña da supervivencia para o xornalismo independente?
De momento esta é das poucas liñas que se albiscan, e agardo que sexa un camiño cada vez máis transitado, pero tamén espero que non sexa o único. Os periodistas non deben depender, desde logo, das axudas públicas, nin dos grupos de presión políticos, pero que dependan da súa habilidade como xestores económicos tampouco é unha solución xeral. Non teño nada contra as empresas, sempre que queiran ganar cartos vendendo noticias, e non outra cousa. Para min o que caracteriza un medio de comunicación é que haxa unha redacción, tanto me ten se presencial ou non, un conxunto de profesionais que debaten sobre que interesa do que está pasando, e non unha suma de colaboradores que escriben sobre os seus hobbies. Un medio que tente dar unha visión xeneralista de todo o mundo, en papel ou dixital, como The Guardian, precisa centos, milleiros, de profesionais. Outro que se propoña facer a radiografía da economía galega precisa menos, pero nos dous casos fan falta persoas cualificadas e ben pagadas. Este segue a ser un oficio de artesáns. Podémolo facer sen linotipistas, sen impresores, sen transportistas, sen kiosqueiros, facendo nós de cámaras e de montadores, pero o día segue a ter 24 horas, non é san nin produtivo traballar máis de oito, e sigue habendo que escribir letra a letra e pensando que se di. O resultado depende moito do tempo que se lle bote ao traballo e a xente nótao.
Eres moi activo en redes sociais como Twitter. De que forma xestionas a relación xornalista-usuarios nestas plataformas?
Ben, empecei co blog nunhas eleccións porque pensei, erradamente, que me aforraría traballo á hora de escribir columnas en La Opinión de A Coruña. Logo seguín con el para que me puidesen por aí adiante ler cando os xornais non tiñan edicións dixitais. Logo mantíveno polo feed back. Empecei en Twitter porque mo recomendaron os d’A Navalla Suiza, e polo mesmo motivo, para interaccionar. A maiores de Twitter teño contas en Facebook, Cabozo, Eskup e Linkedin, pero a que máis uso é Twitter, de entrada porque é a que mellor me pita no móbil e logo porque é a máis áxil para interaccionar e para selección de contidos. Hai amigos –non virtuais- que me din que teño nas redes sociais un perfil marcadamente profesional, e penso que non é así, polo menos conscientemente. Non teño estratexia diso que chaman personal branding ningunha, nin de a quen seguir ou non, e non sempre levo a mesmo política de se retuitear mencións ou non, por exemplo. Entro a máis trapos dos que debería, e debato con quen sexa, mentras o tren siga polas vías.
Para rematar unha pregunta metafísica: se volveras a nacer volverías a elixir ser xornalista?
Se nacera cando nacín, desde logo. O mellor que che pode pasar na vida é traballar no que che guste. Se nacera despois, e podendo elixir preferiría ser alto cargo de Bankia ou algo así, claro.
FOTO: Xurxo Lobato



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede