1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Hoxe cumpre anos... o Xabarín!!!

Nun país coas taxas de natalidade máis baixas de Europa e no que os coches oficiais atropelan xabaríns un día si e outro tamén nas nosas estradas, que un programa de televisión como o Xabarín Club faga 18 anos é  unha nova digna de mención. Até 138.000 rapaces e rapazol@s do país contan co carné do porco bravo máis famoso da tele e, inda maiores, gárdano con fachenda poisque a militancia ao Xabarín é case tan acérrima como a dun clube de fútbol. Até cen cancións de grupos galegos producíu o programa até o día de hoxe. Boa parte delas son auténticos himnos xeracionais para os que foron nenos nos 90. Unha xeración brava, afouta, criada a base de bravú e de rock&roll, para envexa dos seus irmáns maiores traumatizados aínda por Torrebruno e María Luísa Seco. O Xabarín foi un fenómeno sociolóxico nun país afeito a unha televisión para a terceira idade, na que a desconsoladora condición número 1 para un guionista é pensar "nesa avoa de 80 anos que pasa o día na casa vendo Luar..." . Outros programas doutras cadeas quixeron emular o éxito do Xabarín pero foron incapaces de cativar os nenos do país, fieis ao porco bravo máis popular. 

O Xabarín viu a luz un 18 de abril de 1994, ás seis da tarde. Foi un parto normal, indoloro. Dos que asistiron daquela ao parto, só dúas persoas permanecen coidando do animaliño: o director do programa Alberto Casal e o actor de Labañou Juanillo Esteban, a inconfundible voz do Xabarín dende a súa chegada ao mundo. "Era unha encarga da dirección de entón", lembra Alberto Casal, "facer un programa na liña do que se estaba a facer, por exemplo, en Cataluña, un programa que fose ao mesmo tempo un club", un programa que trascendese o estritamente televisivo a través da relación cos socios, co merchandising...  Por aló andaban Suso Iglesias, ao que xa lle fervía a idea na cabeza, o realizador Gonzalo Pintos, Toñito Blanco, Xabier Viana e o propio Alberto, mentres  que Xosé A.Domelo argallaba a complicada infraestrutura para o control dos socios naqueles tempos sen redes sociais. O Xabarín xa fora deseñado por Miguelanxo Prado, e entre as series que se manexaban para os primeiros programas: os Picapedra ou Doraemon...  A primeira emisión chegou o 18 de abril e a partir de aí o éxito foi inmediato. "O que tivo de verdade pegada foi que o porco fora bravo e non domesticado", lembra Casal. O potencial do Xabarín era máximo e así o demostraron máis tarde as cancións e videoclips dos grupos galegos do momento, as xabaxiras multitudinarias por toda Galicia... O Xabarín coverteuse axiña nun fenómeno de masas, gozoso para os pequenos e desconcertante para os grandes, que escoitaban perplexos aos seus fillos cantar "estou na lavadora", "eu o que quero é xamón", "que jallo é", "a velas vir, a velas vir, unha partida brava de futbolín...". Estábase a crear unha xeración de bravos  aleccionados por Silvia Superstar ou polo Doutor TNT (Carlos Portela) no frikismo máis escollido. As series de televisión tiñan sempre un punto de calidade e transgresión. Son Goku e Arale eran pre xabarín, pero logo chegaría Shin Chan para amosarlle  o cuíño a toda Galicia e entrar a formar parte de contado da nosa cultura popular. Os manga xaponeses e os clásicos americanos de Tex Avery ou Hannah Barbera amenizaron durante moitos anos os seráns dos fogares galegos. Alberto Casal enorgullécese sobre todo de ter recuperado algunhas das súas series predilectas da infancia como A Formiga Atómica, Correcamiños, ou Don Gato; e ponse como obxectivos  a curto prazo recuperar as Tartarugas Mutantes e "devolver Shin Chan á casa". 

Na actualidade, o Xabarín abranxe máis horas que nunca á semana. Pasou á segunda canle e alí ocupa nove horas de emisión diaria, 60 semanal, nas tres principais franxas do día: o almorzo, o xantar e a cea... Con todo, o Xabarín chega á maioría de idade con menor actividade que nos seus bos anos.. "Alberto Casal lembra a condición peterpaniana amosada de sempre polo personaxe, coa súa teima de non querer medrar ao xeito dos ramones do 'I don´t wanna grow up'. A falta de recursos afectou tamén o que foi durante anos programa estandarte da cadea. "Estamos nunha era posibilista, na que hai que alimentar o Xabarín pra que non quede esclerotizado", ironiza Casal. "Virán tempos mellores. Mentres existan nenos... o interese polo Xabarín segue existindo". De feito existen numerosas iniciativas á marxe do que acontece dende a Televisión de Galicia. Dous centros educativos, o CEP de Sequelo en Marín e o EEI Monte da Guía de Vigo uníronse para festexar hoxe por todo o alto o 18  aniversario do Xabarín, cuxa relevancia social adquire se cadra maior fasquía canto axente normalizador senlleiro do galego entre os máis novos. Estes centros argallaron iniciativas de todo tipo arredor da efeméride nas que implicaron aos seus alumnos. Unha delas é a de embarcar a 18 dos mellores ilustradores de Galicia (Ramón Trigo, Pepe Carreiro, Carrabouxo, Kiko da Silva) para faceren cadansúa versión da popular mascota. O resultado poderase ver nunha exposición no museu Marco de Vigo e pasará a formar parte dun libro con textos de Marcos Calveiro e Afonso Eiré. Do mesmo xeito, as cancións do Xabarín, moitas delas auténticos clásicos populares, son as máis solicitadas polos consumidores do galeoke, o karaoke galego. Este ano poderanse incluír dous temas máis aos case cen gravados até agora. Co motivo do aniversario chegan novos temas de Roger de Flor e dos Ruxe Ruxe, dos que se incluirá o tema 'Rock do País' do seu último disco "Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras".  Vituco Neira, cantante dos Ruxe Ruxe, destaca o tremendo efecto normalizador que tivo o programa. "A xente nova, a  primeira vez que escoitaba rock&roll, facíao en galego e iso era un puntazo", di. "O gallá seguira pasando".  Valora do mesmo xeito que foi un grande empurrón para moitas bandas do momento, inda que aí Neira pon un pero, "pois a moitas bandas en galego non se lles chamou, mentres que participaban outras que nunca cantaban en galego máis que para o programa". Alberto Casal opina, pola súa banda, que naquela segunda metade dos 90 producírase unha eclosión do rock galego. O programa "serviu de aglutinador e ao mesmo tempo alimentouse diso", di. 

O que está claro é que a infancia de 138.000 nenos galegos tería sido moi diferente sen o Xabarín,que vén de cumprir 18 anos, e iso fainos a todos un pouco máis maiores. Cómpre desexarlle que sexan moitos máis e dous consellos na maioría de idade: que siga falando galego e que teña coidado ao cruzar polas pistas. E que siga habendo nenos, que a este ritmo...