1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Duarte Romero: ”Cómpre rachar a filosofía do xornalismo coma fonte de cartos”

 Duarte Romero comezou na rede con Revolta Rockeira que pechou o ano pasado para abrir Que Ben Quedei. Tamén contribúe en Tempos Dixital, facendo parte do seu consello de redacción desde o seu relanzamento até principios deste ano. En Praza Pública é un dos autores da recén lanzada bitácora tecnolóxica De ceros a uns

Por que decidiches ser xornalista?

Coido que a miña visión cambiou moito desde que decidín comezar a carreira até hoxe. Ao principio movíame por clixés. Gustábame escribir e tiña moito interese polo que acontecía ao meu redor. Parece que o camiño que mellor encaixaba coas miñas inquedanzas era o do xornalismo.

A día de hoxe teño unha visión máis ampla. Contar historias segue a ser o máis importante do xornalismo, pero as formas mudaron moito. Non podemos entender a comunicación dun xeito unidireccional. Cómpre recoller toda a información que día a día producen os cidadáns, escoitalos e contar as mellores historias do xeito que sexa máis efectivo. E aí entran as novas tecnoloxías e a posibilidade de facer cousas que hai 10 anos semellarían imposíbeis. Se cadra por todo ese camiño que aínda está por percorrer é polo que aínda quero ser xornalista.

Albert Camus contaba, nun artigo recuperado recentemente, que as claves do bo xornalismo eran "lucidez, desobediencia, ironía e obstinación". Cales son para ti?

Asumiría ao 100% estas claves. De feito, non creo que os valores clásicos do xornalismo perdesen vixencia coa aparición de internet, aínda que si que apareceron algúns novos. Como guía persoal, e facendo unha mestura entre o que había antes e o que chega agora, creo que o bo xornalismo ten que ser honesto, multimedia, incómodo, rigoroso e que estabeleza relacións bidireccionais cos lectores. 

Os xornalistas perdemos a perspectiva cando traballamos para un medio de comunicación, no sentido de que non nos decatamos que a nosa responsabilidade é coa sociedade, non cos intereses económico-políticos dese medio?

Hei de recoñecer que non teño moita experiencia en redaccións así que tampouco vivín esa especie de metamorfose da que falas. Pero pregúntome se máis que unha identificación do xornalista coa liña do medio, non haberá máis ben unha submisión a eses intereses económico-políticos que sabes non che van permitir facer un periodismo máis responsábel coa sociedade.

A crise económica que padece a prensa débese a que aínda non se deu cun modelo de negocio en internet o suficientemente rendible?

Si, a caída de lectores da prensa en papel e a baixada dos contratos publicitarios non está a atopar unha contrapartida económica na rede. Instalouse a cultura de non pagar polo que se consume en liña e os anuncios en internet saen moito máis baratos que nos soportes físicos. Con estes vimbios é difícil que se poida manter un nivel de ingresos semellante ao que había antes. Buscar un modelo de negocio para a rede estase a converter nunha prioridade para o xornalismo. E non é baladí, xa que se queremos producir boa información hai que financiala dalgún xeito.

Mais coido que é importante rachar coa filosofía de que o xornalismo ten que dar cartos. Son dos que pensa que os medios en mans privadas son un risco para a calidade e honestidade da información que elaboran xa que responden a outros intereses que non son os de prestar un servizo público.

Non son inxenuo, sei que o xornalismo ten que buscar vías de financiamento na rede porque os que se dedican (ou nos queremos dedicar) a isto temos dereito a cobrar polo noso traballo. Pero a revolución que supón internet é unha boa oportunidade para probar novas estruturas que superen as empresas con ánimo de lucro. Fundacións ou cooperativas de xornalistas poden ser un camiño a seguir. O xornal inglés The Guardian, cuxa edición online é a quinta máis lida do mundo, depende dunha institución sen ánimo de lucro que se chama Scott Trust. Isto permítelles facer o xornalismo máis valente que podes atopar nos grandes medios. O exemplo contrario está na todopoderosa e rendíbel News Corporation, que ten no seu imperio cabeceiras como The Sun ou News of the World, moi cuestionadas pola súa falla de ética. 

Non se pode facer información de calidade se, como denunciaba o Colexio de Xornalistas, a maioría dos profesionais que traballan nos medios de comunicación está preocupado polas súas condicións laborais?

Totalmente de acordo co Colexio. A precarización do xornalismo está directamente relacionada coa calidade dos contidos que elaboran. Ningún traballador pode dar o mellor de si mesmo se as súas condicións laborais son malas. Pensemos nun médico. Se ten unha xornada moi longa, se ten que operar máis veces do que racionalmente podería asumir, está máis exposto a cometer erros. Pois no noso caso é igual. Se o xornalista ten presión para abarcar unha gran cantidade de temas e as súas quendas de traballo son draconianas, non podemos agardar a calidade que a sociedade nos demanda. Por outro lado, vexo nefasta a aposta das empresas pola temporalidade. Se os traballadores máis novos que entran cunha bolsa ou no marco dun programa de prácticas non teñen posibilidade de quedar na redacción, de ningún xeito van ter os incentivos suficientes para innovar ou para facer o mellor xornalismo posíbel.

A falta de ética parece que se está a estender en moitas das portadas que vemos ultimamente como as de ABC e La Razón que vencellaban as manifestacións estudiantís en Barcelona contra os recortes en educación co PSOE e a violencia. Isto é manipulación ou pura e dura liña editorial? Deberían regularse este tipo de cuestións na Lei de Transparencia?

Regular os medios de comunicación paréceme unha cuestión moi complexa. Non é doado estabelecer o límite entre o que é admisíbel e o que non, así que de entrada prefiro manter o marco actual antes que aprobar medidas que poñan en perigo a liberdade de expresión. Casos como os de Egin ou Egunkaria xa foron vergoñentos abonda coma para endurecer a lexilsación que permita controlar o que se publica. Ademais, penso que a cidadanía cada vez é máis crítica cos excesos dos medios. Portadas como as que citas foron moi comentadas na rede. Confío en que cada vez sexan máis os propios lectores os que as penalicen.

Agora estás a especializarte en Inglaterra no xornalismo de datos. Que aplicación lle ves para o xornalismo do futuro?

Efectivamente, o xornalismo de datos é unha das novas áreas que estou a explorar. Tecnicamente non é algo que non existise antes. Sempre se traballou con números e con estatísticas para contar historias. Pero nos último anos, grazas ás leis de transparencia que están a aprobar gobernos de todo o globo, temos acceso a moitas bases datos sobre o funcionamento das institucións públicas que antes eran inaccesíbeis. Gastos, salarios, índices de produción, cifras de crimes... Con esta lexislación, calquera aspecto que un cidadán queira saber sobre unha administración está dispoñíbel cunha simple solicitude. Como podes imaxinar, estamos diante dunha fonte inesgotábel de historias. Segundo Simon Rogers, un dos grandes referentes neste tema, o reto do xornalismo de datos é buscar o mellor xeito para contar o que acontece. Algunhas veces pode ser cunha visualización, outras cun mapa ou se cadra con dar o dato abonda. Hai que ser flexíbeis. A tarefa do xornalista en ser a ponte que faga comprensíbel toda esa maraña de números.

De calquera xeito, en Galiza e no resto do Estado estamos un pouco atrasados neste campo. Fáltanos unha lei de transparencia semellante á que pode haber no Reino Unido e que facilita moito o traballo dos xornalistas. Disque o goberno de Rajoy vai aprobar unha proximamente. Haberá que estar atentos.

Eres blogueiro dende 2005. Tes dúas bitácoras en internet. Como cres que están influíndo as redes sociais no xornalismo? Cres que sobreexpoñen aos profesionais? De que maneira se debería xestionar esta relación rede-xornalista?

As redes sociais supoñen un cambio moi importante desde a perspectiva da xerarquización. Tradicionalmente eran os medios os que fixaban que novas eran máis relevantes e ían ocupar un posto máis destacado no xornal ou na grella televisiva. Esta tarefa tornouse social, e son os propios lectores os que promocionan segundo que contidos. Evidentemente non teñen que coincidir cos criterios do medio. O público cansou de ser un simple receptor de información. Quere participar. Critica, comenta, comparte, corrixe ou mellora os contidos elaborados polos xornalistas. Xa non podemos pensar máis na información como un produto pechado. E isto ábrenos un potencial tremendo. Cando o ano pasado houbo disturbios en varias cidades de Inglaterra e Gales, The Guardian elaborou un mapa con todos os puntos nos que había conflito. O nivel de detalle era tan grande que daba indicacións sobre as rúas nas que estaba a acontecer. Isto sería imposíbel se non se chega a aproveitar todo ese fluxo de información que achegan os cidadáns. Evidentemente, aquí o medio puxo a súa credibilidade contrastando estes datos, pero non foi un produto exclusivo dos traballadores de The Guardian, senón tamén dos seus lectores.

Por outra banda, si que é certo que o xornalista está moi sobreexposto nas redes sociais e cómpre sermos conscientes do impacto que pode ter unha opinión nosa. Pero xa sabíamos a responsabilidade que asumiamos cando nos metemos nisto. A relación que temos que estabelecer coa comunidade das redes sociais ten que ser de normalidade. Hai que ser todo o accesíbel que se poida, conversar e sobre todo escoitar.

O crowdfunding é a única saída para a sostibilidade do xornalismo? Como cres que se poderá manter este novo 'ecosistema mediático' nacido na rede -falo de Praza, Dioivo, etc- para que a profesión teña futuro?

Eu non diría que o crowdfunding é a única saída. De feito pareceríame un erro limitar a el as vías de financiamento dun medio. As achegas voluntarias dos lectores teñen que ser un punto importante para acadar a tan prezada sustentabilidade –e xa de paso a independencia-, pero nin todo o mundo ten ese compromiso ou sinxelamente non sempre abonda para manter un proxecto informativo.

Existen outros camiños interesantes que están aínda sen explorar. Penso por exemplo na publicidade local. Hai que facer atractivo para os pequenos anunciantes mercar espazos nos dixitais galegos. Pero para iso hai que mellorar o que se lle oferta. Nun mercado tan pequeno non tería sentido que por un lado fose o Dioivo, por outro Praza Pública e por outro Tempos Novos. Cómpre chegar a acordos e ofrecer paquetes que sexan comúns a todas as cabeceiras. Ademais, a rede permítenos segmentar quen ve unha determinada publicidade con moita precisión. É ben doado obter a ubicación ou mesmo os intereses dos usuarios para amosarlles os anuncios máis axeitados. Isto xera moito valor engadido que pode interesar aos donos dos negocios locais. Ben sei que as pequenas e medianas empresas galegas son aínda moi conservadoras no que a internet se refire, pero hai que ir abrindo espazos.

Outra proposta que están a empregar medios doutras latitudes é a de ofertar determinados servizos de pago. Penso por exemplo na plataforma Orbyt de El Mundo, nos datos económicos en tempo real do Wall Street Journal ou na información de altísima calidade que Politico.com lle ofrece a lobbys e partidos. Á hora de financiar un xornal en liña non creo que haxa ningunha vía única e exclusiva. Se este ecosistema de medios que acaba de nacer sobrevive, será grazas a ter a mente aberta e non se pechar a nada. Cada euro que se recada conta.