“En Xornalismo a inserción laboral pasou do 80% a non chegar nin ao 50%”
- Detalles
- Categoría: Media
- Publicado o Martes, 03 Abril 2012 23:29
- Escrito por Alberto Ramos
O decano da facultade de Xornalismo, Xosé Pereira, fala en Dioivo sobre a crise dos medios de comunicación. Nunha entrevista que segue a liña das de Vanessa Oliveira, Pereira reflexiona sobre a situación en Galicia, o futuro dos seus estudantes e fala por vez primeira das prazas de xornalistas convocadas pola USC nas que o título de Xornalismo non conta para nada. Neste senso, asegura que dende a CIG-USC o chamaron "fascista" e "corporativista" por querer poñer en valor a licenciatura.
Coa que está caer nos medios de comunicación (ERE, despedimentos, peches), moitos profesionais pregúntanse, medio en broma ou medio en serio, por que non pecha a Faculta de Xornalismo ou por que non se deixa o barbeito uns anos. Por que non se reducen, polo menos, as prazas?
Si que se reduciron, estamos en oitenta e estamos a reaxustar a oferta e a demanda. Por que non pechar a Facultade? Pois sería un gran erro por varias cuestións. A primeira é que a saída da crise está nos profesionais e un elemento esencial dos profesionais é a súa formación. En segundo lugar, aquí impártense disciplinas que permiten exercer en varios ámbitos. Por exemplo, todo o que ten que ver coa socioloxía da comunicación, consumo de medios, ética nos medios, creación no eido audiovisual, etc. En terceiro lugar, a Facultade ten que ser un centro de referencia para os que van ser xornalistas e para os que están exercendo. Cremos que unha das funcións que ten que ter unha universidade pública é coidar a formación continua: modelos de capacitación, aprender a facer iniciativas emprendedoras de forma diferente. Hai un valor fundamental agora no mercado que se chama traballo propio e polo tanto temos que iniciar procesos novos a base de coñecemento e de esforzo e sobre todo ter boas ideas. Dioivo é un exemplo diso, un grupo de xornalistas que busca explotar o seu propio valor e poñelo no mercado avalado pola súa marca. Pode saír ben ou pode saír mal, pero temos que introducir no mercado un elemento fundamental que é a marca do xornalista.
Fala de buscar novas vías no negocio. Na Facultade faise algo nese sentido? Hai grupos de investigación centrados niso?
Nós o que facemos é que se entenda que é o negocio e como está. O sistema de medios tradicionais está nunha fase diferente. Hoxe os medios contratan menos persoas e buscan competencias máis transversais chegando mesmo a imposibles, en plan de que unha persoa faga fotos, videos, entrevistas e ademais que o faga ben. Iso demostrouse que é inviable. Hai funcións que se poden agrupar e outras non. Os medios están en crise, pola crise xeral e polos cambios de consumo. Caen os ingresos, a publicidade, as audiencias... O consumo é diferente e nós pretendemos que a xente saia de aquí e entenda onde están agora os patróns de consumo. Están en internet, nos dispositivos móbiles, nas redes sociais e sen ningún tipo de dúbida a rede é un camiño, pero non é o prioritario. Equivocámonos cando pensamos que todo é internet. Non é verdade. Non é a panacea, é un elemento máis a ter en conta. Hai un novo contexto e iso ten que quedar claro. A Facultade o que fixo neste senso foi renovar o plan de estudos, establecer actividades extracurriculares para complementar iso. Aquí facemos actividades todas as semanas para entender o novo contexto. E en terceiro lugar, pretendemos crear unha liña de formación continua integrada.
Bieito Rubido, director da ABC, asegurou que sobraban a metade dos xornalistas e a metade das facultades. Que opina como decano?
Eu estaba diante cando o dixo, foi nun acto da Asociación da Prensa de Santiago. Imos ver. É probable que haxa unha burbulla de Facultades de Comunicación, pero tamén a hai de Dereito ou Economía. Sobran universitarios? Penso que non, porque formación nunca sobra. Están mal dimensionadas as estratexias universitarias? Se cadra si. A min paréceme ben que estea ese tipo de debates sobra a mesa, pero non se pode dicir que sobran porque sobran... Eu discrepo. Sobran para que? Para traballar en ABC? Pois claro que sobra. Para traballar no mundo de comunicación en España? Non, fan falla. Discrepo del, que ademais é profesor universitario. Ademais, el pensaba nas facultades públicas e eu aí creo que son as que menos sobra, sempre que estean ben dimensionadas.
E están ben dimensionadas?
Hai de todo. Por exemplo en Galicia hai un problema de dimensión das facultades de comunicación. Temos tres facultades que dan unha titulación audiovisual e cada unha de nós xera 40 profesionais ao ano. En total, 120. É un número de persoas moi grande para o mercado galego. En Periodismo temos unha facultade e outra de Publicidade, con recursos bastante comúns e que, ás veces, duplican os esforzos. Todo iso vén por unha decisión dos tempos de Fraga que non foi, dende o meu punto de vista, correcto. Logo, en Cataluña, teñen como oito facultades de comunicación. Hai algunhas de elite como a Ramón LLuch e outras con dificultades como a de Vic. Hai que redimensionar, pero iso non quere dicir que sobren.
Falamos agora mesmo de 120 licenciados en xornalismo. Os medios tradicionais están nunha fase de despedimentos que dá vertixe. E se falamos de creación de novos postos de traballo se me pasan pola cabeza os tres de Praza e uns cinco para Sermos Galiza. Cifras descompensadas...
Mira, nós pasamos de ter unha inserción laboral do 80% a non chegar nin ao 50%, que en número de persoas é moito. Todos os despedimentos estanse a producir en medios que non cambiaron nada. La Voz aposta polo papel e mercou unha rotativa espectacular hai dous anos. A editora do progreso fixo o outro día unha defensa do papel. E paréceme ben, pero creo que o papel que teñen na cabeza non é o papel que debería ser. Facer un periódico como se facía antes está condenado ao fracaso. Quere dicir que desaparece o papel? Non hai que redimensionalo. A creación de novos postos de traballo son dos medios que apostan por un sistema diferente. Son as únicas saídas? Non, home. Por exemplo, as empresas de comunicación especializadas en Galicia medraron. Que pasa agora? Os proxectos son máis pequenos, con menos traballadores. Moitas empresas non queren aumentar os gastos fixos, é dicir, os salarios, para poder expandirse. Medran dende o pequeno. As empresas que teñen 400, 500 ou 700 traballadores teñen un problema serio, para comezar a TVG, que está claramente sobredimensionada. Quen se dimensionou ben e se apertou os machos, vai saíndo. Que caso hai en Galicia? O Faro de Vigo, o único medio en Galicia que non ten un ERE en Galicia. Pero eles xa pasaron por unha reconversión importante a mediados dos noventa. Outros medios que medraron de forma asombrosa, agora teñen dificultades se non pecharon xa. Como pode ser o caso no sitio no que trabaches ti [Xornal de Galicia].
E se falamos da TVG. Que solución se lle poden dar? A privatización está enriba da mesa...
Ante este tema fágome tres preguntas. Fai falla unha televisión nunha comunidade como Galicia coas súas características e que ten unha lingua? Eu digo radicalmente si. Ten que ser pública? Si, porque hai elementos que economicamente non son rendibles, pero que son fundamentais: a defensa da lingua, non é un negocio redondo, pero é fundamental. Terceira pregunta. Hai que desmontar todo e volver a montalo? Non necesariamente. Pero hai un problema de redimensión grande. Estaría ben dimensionada para 500 persoas. Precísanse solucións e para iso hai unha serie de xestores da TVG que teñen que pensalas.
Para seguir con vellas glorias... Manuel Campo Vidal tamén dixera nunha entrevista que hai que dicirlles aos estudantes que comezan Xornalismo que non perdan o tempo, que xa non hai sitio para ninguén. Que lles din vostedes aos estudantes que comezan primeiro?
Dicímoslles que escolleron a mellor profesión que puideron escoller. Estamos nunha época que se chama a era da información e do coñecemento, porque o que máis valor ten agora mesmo é a comunicación e a información. As empresas máis potentes teñen que ver co almacenamento, xestión e tratamento de comunicación. O que máis vale é a comunicación. Estamos na era social na que valemos máis. Que ocorre? Que para valer máis hai que cambiar as vellas rutinas de antes. Estamos arrancando ese proceso.
A USC convocou unhas oposicións para xornalistas. Non obstante, ter un título de Xornalismo non computa nin ten máis valor que calquera outro. A USC non valora os xornalistas que forma?
Iso é unha aberración.
Por que o decano de Xornalismo forma parte deste proceso?
É unha aberración. Vai ser a primeira vez que fale disto en público. Imos ver. A xornalismo pásalle como a case todas as titulacións: non é habilitante. En España só medicina, farmacia, enxeñerías e dereito son titulacións imprescindibles para exercer como tal. Iso é o escenario estatal e a lei é así. O segundo escenario é o da USC: O seu reitor prometeu en campaña electoral que as prazas de xornalistas requerirían o título de xornalismo ou de comunicación. Cando chegou o momento da verdade, nada. Na USC hai unha estrutura de persoal fixo encargado de comunicación. Nesa estrutura só unha persoa é xornalista, Lois Celeiro, profesor desta facultade. Logo hai tres persoas máis que son interinos e que non pasaron un concurso público. Chega o momento de estabilizar esa situación. E o reitor comeza o proceso e atópase un obstáculo grave. O Comité Intercentro, o organismo sindical da USC, négase rotundamente a facer iso. Din que a lei os asiste e parécelles fatal que se intente restrinxir o acceso a unha praza do grupo 1 ao pedir unha titulación específica. Entenden que non é necesario e que vale calquera licenciado. Iso paréceme erróneo e intento explicarllo ao Comité Intercentro. Pero néganse a falar comigo. Din que o decano non é un interlocutor válido. Polo tanto, paso a falar con cada sindicato. EN UXT están de acordo co noso punto de vista, pero en CCOO e CIG non. Falo con CCOO e dixéronme que eramos uns corporativistas e que non entendían a postura dunha facultade progresista como a nosa. Falei coa CIG-USC e dixéronme o mesmo. E, ademais, dixéronme cousas máis graves, xa que me afirmaron que as actitudes corporativistas eran fascistas e que parecía mentira que a nosa facultade caese no fascismo. Iso dixéronmo. Ademais chega o debate do decano particular de participar ou non. Poderíame negar a medias, porque son funcionario e temos a obriga de participar nestes procesos. Se me negase, podería ser sancionado. Chegado o caso, estudaría esa situación... Pero hai outro problema, o comité propón os membros do tribunal e só hai un xornalista, Celeiro. Logo está un licenciado en dereito e outro en filoloxía. E despois está o secretario. Se non participase eu, poderían nomear a outro licenciado en calquera cousa. É dicir, o proceso non se puido parar. Intentouse, pero non se puido. E agora a Facultade debe estar aí para que, polo menos, haxa criterios correctos e acaídos para avaliar os candidatos. E finalmente encóntrome con outra situación, que se presentan dúas persoas, un licenciado en dereito e o presidente do Comité Intercentros. Toda a milonga que me contaron os sindicatos convértese en algo asombroso. Simplemente é para que unha persoa do sindicato, que preside o Comité Intercentro, se poida presentar. Asombroso. Indignante.
Unha última pregunta. Nos últimos tempos pecharon Galicia Hoxe, Vieiros, Xornal de Galicia, A Peneira... A Facultade pensou nalgún momento en lanzar algún comunicado como institución ante a situación dos medios?
Os comunicados da Facultade teñen que se tramitar en Xunta da Facultade. Dende que eu estou como decano, non se propuxo tal cousa nese sentido. Por que non mandamos comunicado? Os peches dos medios foron unha desgraza para Galicia que teñen que ver coa xestión empresarial. A Facultade é responsable da formación e na súa historia só se lanzou un ou dous comunicados, que eu lembre. A nosa condena non achegaría nada. Diríamos o mesmo que o Colexio de Xornalistas. A nosa verdadeira preocupación é a formación.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede