1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 19-05-2013 19:58

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Todos somos La Pepa!

 Co papel mollado de 1978 desfacéndose entre os dedos, e ao pescozo un rosario de textos constitucionais fallidos ou derrubados, parece importante achegarlle un micro aos discursos reflexivos que andan disipados entre o rebumbio do palenque. Vestido de Pepa, até o doodle de Google subliña que hoxe cumpre dous séculos a Constitución de 1812 -aínda que en realidade só tivo dous anos de vida, por obra dun Borbón-. Non se pode negar que constitúe un dos textos xurídicos máis importantes da historia do Estado español, o primeiro código político con movemento constitucionalista da Europa contemporánea, no que se estableceu a división de poderes, pero que, entre outras cuestións, seguía considerando á muller como cidadá de segunda. Escribe Xose Luis Barreiro Rivas con razón que “malia a súa vida efémera e das súas tres proclamacións azarosas -reflexo dramático das dúas Españas que tantas veces nos xearon o corazón-, a Constitución de Cádiz foi unha das mellores páxinas da nosa historia”. Pero unha sociedade que toma en serio os principios constitucionais debería aproveitar a tesitura e pór algunhas cuestións sobre a mesa, sobre todo unha vez que a crise (a famosa crisi de Feijóo) deixa ao descuberto a cesión de poderes ao mercado. Que hai que celebrar? 

Nun Estado en continua bifurcación e baixa autoestima, todos se apuntan ao unísono da loa do Bicentenario da Constitución de 1812, como se se tratase da selección española e acabase de gañar un outro mundial, e La Pepa fose La Roja: Todos somos La Pepa! “Si, si, pero a Pepa é un pouco máis nosa”, parece que puntualiza o característico deseño de portada do Magazine de El Mundo, con Teófila Martínez disfrazada de símbolo constitucional, espada incluída. Cando vén precisamente sendo ao contrario. Que fai a elite ultraconservadora celebrando o que lles é antitético? Pedro J. Ramírez, que leva días disertando sobre as causas do fracaso constitucional, lembrou nun acto coa alcaldesa que foi o texto gaditano quen recoñeceu por primeira vez a liberdade de prensa, dereito fundamental que, como todo, ten usos equívocos. E na liña teofílica, La Razón titula con inspiración mariana, e nunca mellor dito, a súa crónica política de hoxe para os comicios parlamentarios andaluces: “Ao PP aparéceselle a Pepa”. E segue: “É verdade que Teófila Martínez,  a alcaldesa, leva traballando na celebración desde hai máis de 13 anos, pero tamén que  os populares andaluces contan coa pérola da Pepa para redondear a súa campaña. No Pabellón de Deportes  gaditano, o xentío, unhas 2.500 persoas, estaba disposto a aplaudir até palabras noutro idioma (sic)”.

O ACONTECIDO 

O texto que sentou as bases da nosa cidadanía, coas súas luces e as súas sombras, foi redactado nunha tesitura que se arenga heroica por un motivo: un exército popular, guiado despois en moitos casos polas Xuntas Provinciais, rebélanse contra as poderosas tropas francesas, mentres o rei Carlos IV e o seu fillo Fernando VII –antepasados do Rei Xoán Carlos I- renuncian desde Baiona, Francia, ao trono de España en favor de Napoleón, que entrou cos seus soldados en Madrid. Faino mediante estas liñas que hoxe lembraba a Cadena Ser: “Cedín ao meu aliado e caro amigo o emperador dos franceses todos os meus dereitos sobre España e as Indias, tendo pactado que a coroa das Españas e das Indias debe ser sempre independente e íntegra, cal foi e estado baixo a miña soberanía". No 1812, España non deixara de ser aínda imperio colonialista, mentres tres cuartas partes do seu territorio estatal estaban ocupadas polos franceses con Xosé I, Pepe Botella, á cabeza. Da independenza da "Illa León", agora San Fernando, arrinca a Constitución de Cádiz. 

A MONARQUÍA

Curiosa coincidencia a de celebrar os 200 anos do texto que permitía o camiño monárquico mentres a institución trata de sortear as augas dun escándalo impensábel. Explica Javier Pérez Royo en El Periódico que todos os ciclos constitucionais da nosa historia empezaron cunha crise de lexitimidade da institución monárquica. “En 1808, coa abdicación de Carlos IV en Napoleón; en 1833, coa morte de Fernando VII sen descendente varón; en 1868, coa expulsión de Isabel II tras a gloriosa; en 1931, co exilio de Alfonso XIII; e en 1975-77, co pacto entre todos os partidos políticos que posibilitou o proceso constituínte tras a renuncia a debater sobre unha monarquía antidemocraticamente restaurada”.  A aceptación do principio de soberanía parlamentaria a finais do século XVII deu continuidade ao Estado inglés desde esa data até hoxe. A aceptación do principio de soberanía popular na Convención de Filadelfia de 1787 permitíu que continúe vixente en Estados Unidos a Constitución aprobada en dita convención. Prodúcense cambios, reformas, pero nunca se pon en cuestión o fundamento do poder, o seu lugar de residenciación. "Este é o segredo da estabilidade constitucional".

Para Pérez Royo que a Constitución de 1892 afirmase o principio de soberanía nacional “foi a súa gran achega”. Se non fose porque a afirmación dese principio “non se fixo contrapoñéndoo de xeito inequívoco ao principio de lexitimidade monárquica”. E conclúe: “A Constitución de Cádiz foi un milagre. Que a España do comezo do século XIX fose capaz de dar a luz un texto da calidade de devandita Constitución é sorprendente. Pero non puido superar máis que de xeito moi incompleta o peso do noso pasado constitucional. De aí a debilidade do noso constitucionalismo, que ten a súa orixe na ambigüidade gaditana respecto da residenciación do poder. A presenza política da relixión católica e da monarquía recórdanolo aínda”. 

A MULLER DESAPARECIDA

Miguel Izu escribe no Diario de Navarra entre as luces constitucionais, “a afirmación de que 'a nación española é libre e independente, e non é nin pode ser patrimonio de ningunha familia nin persoa' (o da familia ía por unha que foi expulsada tres veces do trono pero que conseguiu volver outras tantas), que 'a soberanía reside esencialmente na nación', que 'o obxecto do Goberno é a felicidade da nación, posto que o fin de toda sociedade política non é outro que o benestar dos individuos que a compoñen' (un bo lema nestes tempos en que nos din que non nos podemos permitir un Estado de benestar) e que 'as contribucións repartiranse entre todos os españois con proporción ás súas facultades, sen excepción nin privilexio algún' (un principio a cuxa aplicación é notorio que nunca chegamos). Entre as moitas sombras, o de que son españois 'todos os homes libres nados e avecindados nos dominios das Españas', que a bo entendedor dille que había homes non libres (a diferenza de Francia que o fixo en 1794 non se abolíu a escravitude completamente até 1880) e que as mulleres non contaban (a única referencia da Pepa á muller é para permitir a concesión de cidadanía aos naturais de África sempre que estivesen casados con muller inxenua, que por aquel entón non significaba que fose moi cándida senón que nacera e permanecera libre) -e, por suposto, seguiría sen dereito a voto-, ou a prohibición do exercicio de calquera relixión que non fose 'a católica, apostólica, romana, única verdadeira".

OS MODERNOS

Como curiosidade, de internet vén unha aplicación http://img38.imageshack.us/img38/9038/imperiumfail.gif que parece querer pór o Bicentenario da Pepa en perspectiva. Nós, lonxe de pretender ofrecer con estas liñas unha relectura histórica, queremos abrir o debate cara ao ocaso presente, e relaxar, polo noso ben, un complexo incontrolado, que é a ansia de erixírmonos como os máis modernos. Non sabemos se seremos quen de recuperar o bo que deu aquela Constitución hai douscentos anos -de feito, descoñecemos se volverán dereitos conquistados e perdidos estes anos-; o que resulta máis que probábel é que grazas aos que botan man do texto para xustificar as súas reformas, non será.