1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 18-05-2013 10:33

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Festiclown apoia en México a loita do pobo Wixárika contra as mineiras

A industria mineira ameaza a supervivencia dos Wixárika, un pobo indíxena que vive nunha Reserva Ecolóxica Natural e Cultural no estado de San Luís Potosí, (México). O Frente en Defensa de Wirikuta, formado por membros desta comunidade, co apoio de diversas organizacións civís, non está disposto a consentilo. Por iso iniciou unha serie de accións de protesta, incluíndo varias peticións ao presidente mexicano. En solidariedade coa súa loita, vaise celebrar a partir do 26 de maio no Foro Sol de Cidade de México o Wirikuta Fest, que contará cun representante galego: Iván Prado, de Pallasos en Rebeldía. Arrancará así, ademáis, o Festiclown Wirikuta, que percorrerá ata o 10 de xuño distintos lugares de México. 

O Festiclown cambia, así, outra vez de destino, tras pasar polos campos de refuxiados saharauís ou por Palestina. Pallasos en Rebeldía compartirá cartel no 'Wirikuta Fest, por el derecho a lo sagrado', con renomeados artistas como Calle 13, Julieta Venegas, Enrique Bunbury, Sonidero Meztizo, Café Tacvba, Caifanes, Colectivo AHO, Ely Guerra,Dr. Krápula, Amandititita, Ginger Ninjas, Héctor Guerra, Lengua Alerta, Luix Saldaña e grupos rexionais do pobo Wixárika. O obxectivo deste festival é recadar fondos para a defensa de Wirikuta e apoiar proxectos locais de desenvolvemento na rexión, fortalecendo así os proxectos comunitarios e creando opcións laborais alternativas ás que ofrecen as compañías mineiras ou as agroindustrias que explotan a zona. 

Wirikuta é desde tempos inmemoriais un lugar sagrado de peregrinación para o pobo Wixárika e, deste xeito, un elemento fundamental da súa identidade colectiva. O Frente en Defensa de Wirikuta denuncia na súa web que o Tratado de Libre Comercio de América do Norte e as leis derivadas "para favorecer a operación deste neoliberal acordo entre México, Estados Unidos e Canadá, non fixeron máis que agudizar a guerra de exterminio contra os nosos pobos indíxenas, a través de ordenamentos xurídicos como a Ley de Minería que levou a que os nosos lugares sagrados no deserto de Real de Catorce hoxe sexan obxecto de 22 concesións outorgadas á trasnacional mineira First Mejestic Silver de orixe canadense, sumando 6,326 hectáreas concesionadas abranguendo os nosos lugares sagrados".

Pero o problema vai moito máis alá da cuestión relixiosa. O mananciais e acuíferos da zona corren, a consecuencia da concesión, o risco de "contaminación por cianuro e desecamento", -unha mineira promedio utiliza, lembra a web do Wirikuta Fest, 100 millóns de litros ao día, sendo necesarias 2 toneladas para extraer un só gramo de ouro-. O dano afectaría, neste sentido, aos 16 centros de poboación que se atopan na superficie concesionada. A minería a ceo aberto destrúe e contamina ademáis o solo. 

"Unha mineira de tamaño mediano", -salienta a páxina do Wirikuta Fest- "usa aproximadamente dez mil kilos de químicos ao día para separar o metal. A estes químicos súmase o perigo dos metais pesados altamente venenosos (como o mercurio, o chumbo e o arsénico), que ao saír das entrañas da terra quedan expostos aos fenómenos meteorolóxicos. Así expostos a ventos, choivas e tormentas, estas sustancias venenosas vérquense na terra e na agua, volatilízanse no aire e móvense co vento, sendo capaces de viaxar grandes distancias, contaminando solos, ríose acuíferos (auga subterránea)". 

O Frente esixe así a "cancelación inmediata das 22 concesións mineiras en poder da trasnacional e que se fixe unha moratoria indefinida para que no nse expidan novos permisos de explotación ou exploración no deserto de Real de Catorce nin en ningún lugar circunveciño aos nosos lugares sagrados", e advirte de que xa están a aumentar entre os habitantes da zona as enfermidades respiratorias, gastrointestinais ou incluso o cancro.

Pallasos en Rebeldía identifícase coa loita deste pobo, ao que apoiará co Festiclown. Realizará, entre outras, actuacións no Tribunal Permanente dos Pobos, na Semana Internacional do Detido Desaparecido no DF ou en Atenco xunto á fronte de Pobos en Defensa da Terra e, sobre todo, na inauguración dentro do Wirikuta Fest, sen esquecer a gala internacional que levará a cabo na Karpa Demente de DF e que contará coa participación de numerosos artistas locais. Acollerán as funcións colexios e cárceres da cidade de México, Galas de Circo Solidarias en cidades mineiras e poboacións do Deserto de Wirikuta e pasacalles reivindicativos en manifestacións no Zócalo do DF.

Como explica Iván Prado, portavoz de Pallasos en Rebeldía e director do Festiclown: "os Wixárikas son para a defensa ambiental e a riqueza cultural mexicana o que os zapatistas son para a loita pola democracia e a xustiza en México". O responsable do Festiclown realizou varias visitas ás comunidades Huicholas desde 1995 con Pallasos en Rebeldía, colaborando nestes 17 anos con diversas organizacións indíxenas. Entre as relacións forxadas en México atópanse a establecida con Masacalli, unha das organizacións culturais que integra a Fronte de Defensa de Wirikuta, que xunto ao K Baret dels Refugiats e o Cirko Demente conforman a rama mexicana do Festiclown Wirikuta.