Feijóo: ''Sen persoas coma Baltar, eu non tería sido presidente''
- Detalles
- Categoría: Política
- Publicado o Sábado, 23 Xuño 2012 17:06
- Escrito por MARCOS SUEIRO
Todo saiu como estaba previsto e José Luis Baltar tivo a homenaxe que a sociedade civil ourensá lle prometera. No recinto feiral de Expourense xuntáronse boinas e birretes para saludar “o traballo, a ourensanía e o galeguismo” dun dos personaxes políticos máis controvertidos dos últimos anos. Nin as prácticas caciquís, nin os presuntos abusos na xestión da Deputación, foron quen de tombar un home que gañou 38 citas electorais e que segue controlando, a través do seu fillo e sucesor, o Partido Popular de Ourense e condicionando o mesmo Núñez Feijóo.
De feito o presidente da Xunta desprazouse a Ourense, acompañado por varios membros do seu goberno, entre os que estaban os conselleiros de Educación, Medio Ambiente e Medio Rural e do Mar para renderlle público tributo a un dos militantes máis “incómodos” do PP. Porén na política da necesidade faise virtude e Feijóo non tivo, nin ten máis remedio que someterse ás esixencias do virrei ourensán. De feito na súa intervención ante os 3.400 convidados pediulle a José Luis Baltar que se implique nas próximas eleccións para conseguir a vitoria electoral, iso si, encargoulle que traballara “alí onde hai xente, regueiros e lamas porque seguímoste necesitando” e recoñeceu que “sen persoas coma Baltar non podería ter sido presidente da Xunta”. Na elexía de Feijóo ao ourensán tamén houbo recoñecementos “porque fuches o meu alcalde e quero brindarche o meu agradecemento persoal e institucional”. E para sorpresa dos moitos baltaristas alí congregados espetou: “Se hai un equipo unido, se hai unha alternativa política esa é a que coma unha pedra construiu José Luis Baltar”.
Estas loubanzas do titular do Executivo galego completaron unha montaxe fotográfica na que se repasou a vida política de Baltar. Entre os que o acompañaron estaban Xosé Cuiña, Manuel Fraga, José María Aznar, incluso o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, ou o anterior pontífice da igrexa romana, Xoan Paulo II.
Nunha homenaxe merecida, segundo palabras do conductor, o presentador de televisión Xosé Manuel Piñeiro, houbo adhesións epistolares como a do bispo de Ourense, Leonardo Lemos, a do poeta Luis G. Tosar ou un saúda do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. Porén os máis entusiastas foron os de abaixo, aos que se referiu o presidente da Deputación, Manuel Baltar para dicir “qué e mellor ter o apoio dos de abaixo porque en política os de abaixo son os de arriba”.
E esa “marca propia” do PP de Ourense “a cercanía” quedou posta de manifesto na mestura de xente que se achegou ao recinto feiral de Expourense. Entre o público unha representación dos conserxes da Deputación, empregados de distinto nivel, alcaldes de distintos concellos, veciños e veciñas de vilas e aldeas....Todos eles foron recoñecidos por José Luis Baltar que se abrazaba a cada un deles e na súa mesma linguaxe intercambiaba opinións sobre o estado da aldea ou a saúde dos parentes...
Entre a nómina de ilustres convidados tamén estaba o ex banqueiro, Mario Conde ou o escritor e ex conselleiro de Cultura socialista, Alfredo Conde, que non deixaron de aplaudir as intervencións dos membros da dinastía.
Rebelións a bordo
A pesar de esta unidade familiar, recalcada a Dioivo polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, a harmonía pode durar pouco tempo. Segundo puido saber este diario, o actual presidente do PP ourensán fíxolle saber a distintos alcaldes que abandonaron o BNG que foi un erro do baltarismo integrarse con Centristas de Galicia no PP e que non se sabe o que pode ocorrer no futuro. Segundo estas fontes, Baltar non descarta ningunha hipótese e todo dependerá de como se confeccionen as listas para as autonómicas.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede