O rural galego recupera as escolas unitarias do franquismo
- Detalles
- Categoría: Primeira Plana
- Publicado o Xoves, 14 Xuño 2012 11:54
- Escrito por MARCOS SUEIRO
Os recortes no sistema educativo serán especialmente severos no vindeiro curso no rural galego. Segundo os datos feitos públicos por CC.OO. de Galicia a lexislación vixente e a falta dun diálogo coa administración permitirá na práctica a volta das unitarias do franquismo e a concentración de nenos e nenas independentemente da súa idade. De tal xeito que ao non conseguir un número de 20 alumnos por nivel educativo, a Xunta obriga ao agrupamento dos alumnos dun mesmo ciclo pero de distinto nivel nunha mesma aula.
Os centros afectados serán no conxunto da provincia de Ourense un total de 25 nos tramos da Educación Primaria e ESO e 19 os colexios de infantil. En Lugo, as cifras segundo indicou Alex Portela, responsable de CC.OO. en Ourense son similares. Para os responsables das centrais “estamos ante un golpe de morte dirixido aos centros de ensino público no rural que na práctica supón a posta en marcha de dous itinerarios de educación nas vilas e nas capitais”.
Con esta decisión de favorecer o agrupamento, saltándose os acordos en vigor que permitían acudir a esta ferramenta cando no número máximo de matriculados era de 14 nun mesmo ciclo, 12 en diferentes ciclos e 10 na Primaria, a administración, segundo os sindicatos, aforrará un número importante de profesores “aínda que vaia en detrimento da calidade do ensino”. A modificación no número de alumnos permitirá que un profesor imparta docencia a un número de 20 rapaces entre os 6 e os 12 anos na mesma aula e sen ningún tipo de axuda. O profesor Portela explicou que “será posible que traballemos con xente que comeza a ler, con rapaces que comezan a ESO e que no poderán saír ben formados”.
O mesmo ocorrerá nos centros de educación infantil nos que haberá un só mestre para o tramo do 3 aos 6 anos sen posibilidade de atender as necesidades das distintas etapas educativas. Pola contra os sindicatos contrapoñen o decidido apoio o ensino privado e concertado. Alex Portela exemplificou a súa denuncia apuntando que “unha unidade nun colexio concertado implica facer un gasto de 50.000 euros ao ano mentres que para os públicos non hai profesores”.
A dirixente de CC.OO, Ana Barrios, enmarcou este recorte e a decisión de apoio ao ensino privado e concertado “no desmantelamento dos servizos sociais impulsados polos gobernos conservadores do Estado e da Xunta” e convidou a sociedade civil a mobilizarse. Neste aspecto indicou que a “unidade de acción sindical está garantida en defensa do público” e concluíu que “coa decisión da Xunta volvemos ás escolas do franquismo”.
FOTO: Jesús Vázquez na visita a unha escola /XUNTA



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede