Un Dépor discreto suma tres puntos ante un gran Córdoba
- Detalles
- Categoría: Primeira Plana
- Publicado o Domingo, 25 Marzo 2012 23:08
- Escrito por Carlos Meixide
Moi mal se terían que dar as cousas para que o Dépor non suba este ano. Xa non falo da calidade do seu plantel ou do extraordinario compromiso da súa afección. Falo de que semana tras semana os resultados propios e alleos acomodan ao Dépor no poleiro do liderado, cunha vantaxe cada vez máis grande sobre os seus perseguidores. É o que ten sumar de tres en tres, inda que ás veces, como no día de hoxe, por exemplo, o equipo non faga un gran partido. De feito, o Dépor foi superado de inicio con claridade por un gran Córdoba que saíu a xogar a Riazor sen ningún tipo de complexos. Da mesma maneira que no partido de ida, o ex-deportivista Paco Jémez dispuxo o seu equipo coa liña defensiva moi adiantada, procurando recuperar moi arriba o balón. Se en Córdoba o Dépor fixo estragos sorprendendo unha e outra vez as costas da defensa cordobesa, hoxe a xogada saiulle de medo. O Dépor, cun once que presentaba modificacións nas tres liñas, foi incapaz de ter o balón e o Córdoba recuperaba e combinaba marabillosamente para chegar ás inmediacións de Aranzubia, sobre todo por banda esquerda, xa que pola dereita, Morel estivo inmenso, demostrando que no Dépor por fin hai lateral esquerdo, para defender e tamén para atacar. O caso é que o Córdoba dispuxo de varias ocasións moi claras, tres delas non acabaron en gol de miragre, fose polo acerto de Aranzubia que detivo un excelente disparo dende fóra da área, ou polo desacerto de Dubarbier que pifiaba o remate na área pequena. O Dépor era desbordado unha e outra vez e Hervás era o dono do mediocampo. Oltra debía estar botando de menos a Álex Bergantiños, que observou o primeiro tempo dende o banco ao non estar aínda recuperado das súas molestias musculares. O público, afeito ultimamente á tremenda superioridade do seu equipo sobre os rivais, non acreditaba no que estaba acontecendo e na enésima ocasión dos andaluces, amosou o seu descontento apupando a actitude do seu equipo. E algo reaxiron os coruñeses, que puideron adiantarse por medio de Xisco, que desaproveitou unha excelente asistencia do coraxudo Laure. Mais o gol chegou nunha acción de infortunio do porteiro Alberto, que errou ao querer blocar un balón chovido e deixoullo en bandexa a Borja pra que marcase o 1-0. Ao ourensán sentoulle de marabilla o gol pois non estaba saíndo ben parado das inevitables e odiosas comparacións con Álex Bergantiños. O Dépor debe ser un equipo grande da Segunda porque como os grandes ía gañando un partido no que non fixera demasiado mérito para ir por diante no marcador. O resto do primeiro tempo non mudou demasiado o guión do que xa se levaba visto. O Córdoba seguiu dominando a posesión e rondando con perigo a área de Aranzubia, se ben non coa mesma incisividade dos primeiros minutos.
Tras o descanso, xa na primeira xogada entendeuse que o Córdoba non ía renunciar á súa filosofía. inda non pitou o árbitro e xa chegou combinando á área do Dépor. Pouco a pouco, o cántaro comezou a fartarse de ir á fonte de balde, e o Dépor recuperou ata certo punto un chisco de control sobre o xogo, sobre todo despois de entender que un dos principais puntos fracos do equipo de Paco Jémez eran as xogadas a balón parado. Puideron marcar tras senllos saques dende o recanto Valerón e Xisco. Fíxoo finalmente á terceira Aythami no minuto 21. O 2-0 daba unha tranquilidade inmerecida visto o que acontecera no terreo de xogo. O Córdoba asumiu que a remontada era cousa imposible, malia que non renunciou a disfrutar xogando ao fútbol nun campo como Riazor. Fede Vico puido marcar un merecido gol da honra nun lanzamento de falta directa pero Aranzubía meteu unha man extraordinaria para evitar o gol. Xusto é chufar ao rioxano que sempre responde independentemente do grao de esixencia do rival.
No treito final, o árbitro amosoulle un cartón amarelo a Juan Domínguez. É o seu quinto cartón polo que non poderá estar o vindeiro sábado en Girona. Porén, asegura a súa presenza no derbi se é que así o desexa Oltra.
Falando do derbi, o Dépor asegurouse cos resultados desta semana que chegará líder a Balaídos. O seu colchóns de puntos sobre os perseguidores é cada vez máis amplo: 7 puntos sobre o Celta, 11 sobre o terceiro clasificado Valladolid , e 14 sobre Almería e Hércules.
FOTO: Celebración do segundo gol do Deportivo



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede