"Morenés asesorou a venda de bombas de racimo a Gadafi”
- Detalles
- Categoría: Primeira Plana
- Publicado o Martes, 20 Marzo 2012 21:54
- Escrito por Marga Tojo
O Estado español é un grande exportador de armas. En concreto, o sexto mellor do planeta. Confiou no negocio, investíu, e nunha década incrementou un 900% a súa venda exterior. Desde o ano 2007 conta cunha lei que prohibe o comercio de munición nuns supostos amplos pero ben definidos. Falamos das situacións de conflito, perfiladas do seguinte modo: Cando existan indicios racionais de que poidan ser empregadas en accións que perturben a paz, para exacerbar tensións latentes, con fins de represión interna, ou en situacións de violación de dereitos humanos.
Malia isto, España vendeulle despois daquel ano armas a Libia, Exipto, Arxelia, Marrocos, Túnez, Arabia Saudita, Bahrein, Israel e outros países que vulneran sistematicamente os dereitos humanos. A Kazajstán, Uzbekistán, Turkmenistán ou Guinea Ecuatorial. E cuadriplicou ou quintuplicou o negocio -carécese de cifras veraces, pois, seguindo unha práctica habitual da administración española, tratáronse de maquillar as cantidades en sucesivos anos, conforme a potencia crecía-.
Os movementos antibelicistas coinciden en sinalar ao goberno de Zapatero como un dos grandes irresponsábeis do negocio das armas, sobre todo durante o segundo mandato. Un dos máis pertinaces críticos é o fotógrafo Gervasio Sánchez, grazas ao cal coñecéronse en todo o mundo os rostros e os corpos cercenados das armas e deixaron de ser –intermitentemente, por instantes e territorios- entes pantasma, inexistentes á conciencia. O ano pasado, en Compostela, apuntaba un feito bastante descoñecido: “Estamos nunha grande crise e as únicas empresas que funcionan á perfección no Estado son as armamentísticas!”.
“A falta de transparencia da administración española apenas mudou desde a dictadura”
Tamén no 2011, aproveitando o río revolto, Esteban González-Pons, secretario de Comunicación do PP, recrimináballe á entón ministra de Defensa, Carme Chacón, que con bombas españolas se estivese matando poboación inocente en Libia.
Era certo. Tratábase concretamente de bombas de racimo -cuxa fabricación xa foi prohibida por 107 Estados, entre eles o español, no 2008-. Vendeunas Instalaza, a única en todo o territorio estatal que as producía, moi pouco antes desa data. Casualmente tiña daquela como asesor a Pedro Morenés, a quen Mariano Rajoy elixiría como ministro de Defensa, e que, antes de se facer cargo da carteira, compatibilizaba o posto co de presidente executivo da empresa paneuropea de misiles MBDA. Un home de guerra. Ou, máis preciso, un home do negocio da guerra.
O asunto saíu á luz grazas a unha investigación encargada por Setem a raíz da descoberta da carcasa dunha das súas municións de racimo vendidas ao réxime Libio e utilizadas polo seu exército contra a poboación civil durante a guerra de 2011 que acabaría co linchamento do propio Gadafi. Curiosamente, -segundo datos publicados o pasado 31 de outubro polo diario Cinco Días e que Dioivo non puido confirmar-, a ex empresa de Morenés reclámalle desde entón ao Executivo español unha indemnización de 40 millóns de euros polas perdas ocasionadas coa erradicación dun dos produtos estrela da compañía. Agora será el mesmo quen a xestione, aínda que algúns apuntan a que podería incorrer nun conflito de intereses segundo a Lei de Incompatibilidades.

“O de Bankia, Liberbank e Banca Civica é escandaloso”
Ademais disto, a pescuda de Setem destapou a concesión de préstamos no 2007 a Instalaza por valor de 12 millóns de euros por parte de dez entidades bancarias españolas: Deutsche Bank, Cajalón, Caja España, Caja del Mediterráneo, Bankinter, Barclays Bank, Ibercaja, Banco popular, Banco Sabadell e La Caixa. E é que, sen a banca, o negocio das armas non existiría.
UN XOGO A TRES BANDAS
A relación entre a industria armamentística e a banca é simbiótica. Aínda que, en realidade, se trata de un xogo a tres: a empresa produce, a banca financia e o goberno compra –e neste momento Defensa renegocia unha débeda de 26.000 millones que non logra abonar; e os créditos concedidos polo Ministerio de Industria ás compañías militares aínda non foron devoltos-. O investimento total das 60 entidades financeiras ‘armadas’ que operan no Estado español supera os 45.000 millóns de euros. Para que esta poida exportar o material, a principal fonte de negocio, necesita o financiamento bancario. Pero, como se efectúa?
As formas de financiar a industria das armas son cinco: a participación accionarial, o financiamento das exportacións, a emisión de bonos e pagarés, os fondos de investimento e a concesión de créditos e préstamos. Explícao o informe A banca amada. Investimentos explosivos dos bancos e caixas, realizado por Jordi Calvo Rufanges, investigador do Centro Delàs de Estudios por la Paz.
O ano pasado as entidades investiron preto de 17.000 millóns de euros na difusión das compañías armamentísticas e concederon máis de 14.000 millóns de euros en préstamos. Para poder subsistir ou iniciar novos negocios, as empresas de armamento deben posuír diñeiro antes de xeralo.
Comprobouse que sen o respaldo económico das axencias financeiras sería inviábel: “É de gran importancia porque os clientes son gobernos, que no mellor dos casos pagan en cómodos prazos ou, se o país ten pouca solvencia financeira, poida que até haxa certo risco de que non o fagan nunca”. E, como se efectúan? O banco financia as exportacións adiantando polo menos unha parte da factura, co que a empresa consegue liquidez. Outro xeito é facilitar os pagos mediante transferencia do exterior a cambio da correspondente comisión. Sen esta axuda sería practicamente imposíbel que existise comercio exterior de armamento, sobre todo nos países pobres.
Unha outra vía son as Axencias de crédito á exportación, empresas de seguros con participación pública e privada que se encargan de asegurar o valor da venda. No Estado español, encárgase desta tarefa a Compañía española de seguros e créditos á exportación (Cesce), un organismo semipúblico, controlado polos Ministerios de Industria e Economía, a través dunha ampla presenza no seu consello de administración e dunha participación accionarial pública do 50’25%. O Cesce caracterízase “por un alto grado de segredo e confidencialidade sobre as súas actividades”. A opacidade administrativa sobre estas cuestións é case absoluta: “Os únicos datos aos que tivemos acceso son os de Italia, único país da UE que obriga a publicalos. Ademais dos habituais xigantes europeos, nos informes do goberno italiano aparece de forma destacada o BBVA, cun financiamento de 580,5 millóns de euros de exportacións de armas italianas na última década. É unha boa razón para sospeitar que, do mesmo xeito que fai en Italia, o BBVA e o resto de grandes bancos, tamén deben financiar as exportacións de armas de moitos outros países e, moi probabelmente, de España”.
En canto ás participacións accionariais, o informe amosa montantes máis reducidos, xa que só consideran as accións de empresas de armas españolas, máis modestas en tamaño e facturación. No entanto, resulta especialmente preocupante que o 14% das compañías fabricantes de armas están, en maior ou menor, medida en mans de bancos. Sobre todo porque son aquelas que se dedican á fabricación de compoñentes tecnolóxicos para a guerra. Entre estas, Indra, Amper e Tecnobit son as preferidas polas entidades financeiras que operan no Estado español. Pero tamén están Bull, Inmize, Iberia Mantenimiento, CAF, Alestis, Aernnova, Aciturri, Emte Sistemas, Gas Gas Motos, Hispasat e Hisdesat.
A controversia que xeran os produtos militares que estas fabrican é moi diferente. Por exemplo -detalla Jordi Calvo- resulta máis grave ter unha participación, aínda que sexa menor ou indirecta, en Inmize, porque é fabricante de compoñentes para misiles. Isto faino Barclays Bank, Bankia e Liberbank que, xunto á Banca Cívica, dominan o accionariado armamentístico dos bancos en España -tres bancos españois novos (a carón dun británico con ‘solera’), que foron caixas e que se construíron intencionadamente baixo epígrafes de cariz ético e moderno-.
“O negocio das armas existe porque o queren os nosos gobernantes e grazas ao apoio dos bancos”
Menciona tamén o informe dous casos que competen a Banco Santander e BBVA, os maiores ‘bancos armados’: Primeiro, a participación do Santander, até setembro de 2011, do 22,62% das accións de Expal (Explosivos alaveses S.A.), productora de explosivos, minas, municiones, bombas de fragmentación e carcasas con destino 100% militar. Expal fabricou até que foron prohibidas por lei, minas antipersoal e bombas de racimo. Desde entón, fíxose coas accións a firma internacional de capital risco Advent International, de quen non se puido pescudar o seu accionariado. E en segundo lugar, a participación do BBVA mediante a posesión da metade da corporación IBV en Rymsa (Radiación e microondas, S.A.), dedicada ás telecomunicacións e radares, até xuño de 2011 cando pasou a ser propiedade da empresa de capital risco N+1, da que se descoñecen os accionistas.
O I+D MILITAR, SUPERIOR AO CIVIL
Foi o Goberno de José María Aznar o que inciou a dotación de cuantiosoas axudas para I+D militar: “Cando o Partido Popular subiu ao poder apostou pola investigación militar e incrementou o seu orzamento en máis dun 400%, o que a situou por enriba da civil, que sufriu rebaixas. Adiantou outros como a sanidade, a ciencia básica, a educación, o medio ambiente, a eficiencia enerxética…”.
A tendencia non disminuíu até 2008, aínda que se presupostaron ese mesmo ano máis de mil seiscentos millóns de euros. Grazas a un compromiso do goberno socialista por priorizar a achega a ciencia –que nunca chegou a xestionarse correctamente- se en 1999 o I+D militar representaba un 54% do total do orzamento para investigación e desenvolvemento, no 2011 minguara até o 11,47%. Pero continúa a ser máis elevado que o da contorna europea.
Que acontecerá agora? Na súa primeira comparecencia ante a Comisión de Defensa na Cámara Alta, o xoves pasado, Pedro Morenés recoñeceu que a crise obriga a facer "un exercicio de austeridade" pero situou a Defensa como "necesidade inexcusábel para o benestar dos españois": "É un ben público e un servizo público de carácter universal" coa vantaxe "de cada euro que inviste o Estado en Defensa, xéranse case tres de retorno".
FIARE GZ E A CAIXA RURAL GALEGA
Existe algunha alternativa que se considere menos corrupta para os aforros dos cidadáns? É certo, o poder da banca nunha sociedade de mercado amósase inmenso, poucas cuestións se lle esbaran aos seus tentáculos. Pero no Estado español existen os chamados bancos éticos, cooperativas de crédito e asociacións que promoven finanzas con principios da economía social e solidaria. Aínda son descoñecidas para a maioría, pero en Galiza contamos con Fiare GZ, dentro das dez redes territoriais que abranguen o Proxecto Fiare en todo o Estado, “unha proposta de intermediación financeira que persegue a transformación social a través do financiamento de proxectos sociais, ecolóxicos e culturais que favorezan o desenvolvemento humano na nosa sociedade e no mundo”, segundo os seus autores. A finais de 2011, Fiare concedéralle financiamento a máis de 150 proxectos, por un valor superior aos vinte e seis millóns de euros, e recollera máis de trinta millóns de euros de aforro. Tamén a Caixa Rural Galega, coa súa estuctura cooperativista, parece amosar unha mellor garantía de boas prácticas.
Para Jordi Calvo, “as entidades que se integran na banca ética son as únicas alternativas á banca armada; as únicas cun compromiso de non vulnerar os dereitos humanos, algo que acontece sistematicamente no caso das outras”. Conversamos con el.
Desde cando rexistran vostedes esta actividade de soporte dos bancos a empresas armamentísticas?
No Centro Delàs, traballamos a importancia do financiamento do sector armamentista desde prácticamente os seus inicios que podemos situar en 1999. Aínda que traballamos este tema de xeito específico e con campañas e estudos propios desde fai cinco anos, cando coa campaña BBVA sen armas xunto co ODG, á que non tardou en sumarse Setem. Empezamos a indagar en profundidade os investimentos do BBVA en armamento, a través das participacións accionariales, ás que fomos incorporando outros xeitos de financiar ás empresas de armas, seguindo o exemplo doutras campañas europeas, chegando ás cinco actuais.
Vostede acudíu en varias ocasións a xuntas de accionistas de bancos a denunciar esta situación. A máis recente, hai uns días no BBVA. Como reaccionan os presentes?
A primeira vez que intervimos foi na xunta do BBVA de 2008. A primeira intervención das tres que fixemos foi a miña. A sorpresa que tivemos foi enorme, xa que no canto de abuchearnos -é o que esperabamos- aplaudiron bastante. Ao escoitar o resto de intervencións os aplausos foron máis tímidos. Pensamos que quizá fomos demasiado suaves coa intervención, eu creo que lles pillou por sorpresa e pensaban que era alguén do departamento de Responsabilidade Social Corporativa anunciando algunha medida de cara á galería. Co paso do tempo seguen sen abuchearnos, pero xa non recibimos aplausos como o da primeira vez.
E cal é a actitude dos directivos presentes? Que lle dixeron? Surtíu algún efecto?
Nos case cinco anos que levamos participando nas xuntas de accionistas do BBVA e do Santander, comprobamos que con esta acción temos máis impacto fóra que dentro da xunta. A xunta é un lugar hostil, no que non hai ninguén que queira ou vaia a escoitar de boa gana críticas ao seu banco, agás unha minoría de accionistas que acoden ao mesmo que nós, aínda que con motivaciones moi diversas. Quen alí van ou o fan obrigados -unha boa parte son empregados de banca que van facer de claca- ou o único que esperan é o anuncio do reparto de dividendos por acción. Pero, aínda así, eu creo que lles preocupa, non tanto polo aspecto moral que tocamos coa nosa intervención antibelicista e que ten efectos máis lentos, senón porque poida afectar a reputación da súa entidade, e nunha gran empresa, é de enorme relevancia para o seu negocio presente e futuro, a súa imaxe.
Quen lles fixo máis caso?
Parece que ao BBVA, ou polo menos ao seu presidente, preocúpalle máis o tema do armamento que ao Santander, xa que nos dedica respostas máis longas e até nos envía a empregados do seu departamento de responsabilidade social corporativa para falar sobre as medidas que din estar tomando ou que queren implantar sobre os seus investimentos en armamento. Até o momento, tanto o Santander como o BBVA, desinvertiron nalgunha empresa de armas especialmente controvertida –sobre todo as que producen ou producían bombas de racimo-, pero non podemos saber se é por influencia da nosa campaña ou por algunha outra razón.

Á fin e ao cabo, veñen de organizar unha crise planetaria, por que ía parecerlles menos éticas a fabricación de armas e as guerras?
Cando empezamos a traballar na campaña BBVA sen armas, tiñamos datos e exemplos de malas prácticas moi diversas do BBVA, de impacto ambiental, de compra de vontades políticas, de impacto nos dereitos humanos... pero decidimos traballar o tema armas e guerra con maior visibilidade sobre o resto porque pensamos que é no que se callar exista un rexeitamento social máis xeneralizado. Evidentemente, ao elixir este tema non estamos a dicir que os demais non son igual ou máis importantes, simplemente eliximos aquel que coñecemos mellor e que é un exemplo bastante rechamante para explicar a perversidade e hipocresía das entidades financeiras.
Por que as empresas armamentísticas españolas teñen unha débeda tan elevada, nalgúns casos de até o 100%, cando se trata dun negocio tan rendíbel?
As empresas de armas teñen un ratio de endebedamente, segundo os nosos cálculos sobre 91 empresas de armas españolas, do 73% de media. O das armas é un negocio totalmente rendíbel porque o cliente é o Estado e, aínda que tarde, sempre paga. Esta pode ser unha razón pola que necesiten pedir diñeiro por adiantado, para fabricar as armas que logo lles pagará o goberno -cos nosos impostos-. Con todo, debo mencionar que o negocio das armas, aínda que é seguro e rendíbel, é un negocio fóra dos parámetros de mercado, é totalmente dependente dos orzamentos públicos e, o que é peor, de que se usen as armas. E recordemos, as armas utilízanse principalmente nas guerras. O negocio das armas é parasitario do Estado, existe porque así o queren quen nos gobernan e, está claro, grazas ao apoio financeiro dos bancos. Se os bancos non axudasen ás empresas de armas, estou seguro de que a produción e venda de armamento sería moito menor e, xa que logo, as mortes como consecuencia da violencia armada, tamén serían menos.
Existe unha elevada opacidade nas Axencias de Crédito de Exportación españolas. Que máis cuestións se poderían estar a ocultar?
A falta de transparencia é unha característica da Administración española, das menos transparentes do mundo. Se cadra se deba a que, neste aspecto, non cambiamos tanto desde os tempos en que non había democracia. En España a opacidade sobre o financiamento das exportacións de armas é total, non sabemos nada de nada. A razón é que podería poñer en perigo a seguridade nacional. O único país que informa do financiamento das súas exportacións de armas é Italia e non parece que vexa afectada a súa seguridade por facelo.
O feito de que xa non se poidan fabricar no Estado español as chamadas armas controvertidas -armas químicas, biolóxicas, bacteriolóxicas, municións en racimo, minas antipersoal e as armas nucleares- implica que non pode existir relación entre bancos españois e industria fabricante deste tipo de armamento?
Armas controvertidas son aquelas que gozan dun rexeitamento social tan maioritario que están estigmatizadas. Sobre elas existen tratados internacionais de prohibición ou control. A última prohibición á que se sumou España é a das bombas de racimo, que non se poden almacenar, fabricar nin vender desde xullo de 2008. As armas nucleares non están prohibidas, están controladas, e en España non se fabrican. Pero os bancos, nun mercado global, financian a empresas de todo o mundo, incluídas as que producen armas controvertidas daqueles países que non se adheriron aos tratados de prohibición existentes. EEUU non asinou case ningún dos tratados internacionais sobre esta temática e é o principal productor de armas mundial.
É rechamante o feito de que bancos máis novos como Bankia, Liberbank ou Banca Cívica -que até basearon o seu nome nunha imaxe fresca e ética, unha táctica de enorme arraigo neoliberal-, sexan os maiores accionistas da industria armamentística entre os bancos españois.
Bankia, Liberbank e Banca Civica son os que seguen aos dous grandes bancos armados españois (BBVA e Santander) segundo o ranking da banca armada española que aparece no informe e na web bancaarmada.org, e o que máis sorprende da súa relación co negocio das armas é que até hai dous días eran caixas de aforros, entidades semipúblicas que polo menos aparentemente, tiñan unha función social -non meramente mercantil- baseada en valores. É dunha hipocresía escandalosa que quen presumen de socialmente responsábeis invistan en armas.
Tamén chama a atención o caso do ministro Pedro Morenés polo seu asesoramento na venda de municiones de racimo ao réxime de Gadafi para ser utilizado –como de feito aconteceu- durante a guerra civil de Libia do 2011. Que nos pode contar sobre isto?
Sabemos que o actual ministro de defensa, Pedro Morenés, era conselleiro e asesor dunha das dúas únicas empresas de bombas de racimo de España. Durante o seu período de consultor desta empresa, Instalaza vendeu a un Gadafi a quen se lle levantou o embargo á venda de armas que sufría, o modelo MAT-120, a súa bomba de racimo estrela. Humans Right Watch atopou casquillos desta munición en Misrata, consecuencia de bombardeos das tropas leais a Gadafi á poboación rebelde.
En conclusión, pódese dicir que os bancos españois tamén sosteñen e viven do negocio da guerra?
Podemos dicir que os bancos españois sosteñen o negocio das armas, que é un importante eslabón do negocio da guerra. Pero non podemos dicir que viven del. Non sabemos canto supoñen os investimentos en armamento dos bancos na súa cifra de negocios anual, pero si temos en conta que o negocio armamentístico en España é de 4.000 millóns de euros anuais, podemos comprobar que falamos dun negocio totalmente prescindible, que existe por vontade política e que nos custa moito de manter. Os bancos enriquécense do negocio das armas, sen dúbida, pero na súa conta de resultados debe tratarse dunha cifra pouco relevante. Se non deixan de investir en armas non é porque de facelo deberían pechar o banco, senón porque quizá son parte desta vontade política que quere que se produzan armas ou porque a súa cobiza é tan extrema, que queren máis e máis diñeiro, sen importar de onde veña. Os bancos armados son empresas sen valores, xestionadas por persoas sen moral que merecen que lles mostremos o noso desprezo, non o noso recoñecemento.
FOTOGRAFÍA 1: É de Gervasio Sánchez, periodista español que leva un cuarto de século fotografando e contando conflictos armados e vítimas das armas
FOTOGRAFÍA 2: O ministro de Defensa, Pedro Morenés, na toma de posesión da súa carteira. A autoría é do Ministerio de Defensa.
FOTOGRAFÍA 3: Retrato de Jordi Calvo. É da autoría de Francesc Sans para a Revista R@mbla
This e-mail address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede