Dez meses de CR11
- Detalles
- Categoría: Primeira Plana
- Publicado o Venres, 09 Marzo 2012 11:45
- Escrito por Zoraida Rial
"Desgraciadamente non estou aquí para facer o doado, estou para facer o dificil”. Por se quedaba algún tipo de dúbida, o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, tivo a ben aclarar que se sentía plenamente identificado con esta célebre frase pronunciada por John Fitzerald Kennedy sobre a posibilidade de viaxar á lúa. Non en van, hai xa 10 meses que o rexedor irrompía no consistorio compostelán --baixo o innovador slogan electoral de CR11-- e durante todo este tempo as súas peculiares accións, declaracións e mesmo performances públicas non deixaron indiferente a ninguén. O novo showman de Raxoi protagonizou algúns momentos que hoxe rememoramos e que os composteláns tardarán en esquecer:
1.- “El alcalde de Santiago se viene arriba con el Arre borriquito”. Con este titular do xornal Público, Conde Roa daba o salto ás páxinas estatais a ritmo de panxoliña. Arroupado por dúas Mama noel, o burro, un chef e outros membros non identificados do pesebre, o alcalde deu o pistoletazo de saída ás actividades do programa Nadal Xogo marcándose uns pasos de baile que nada teñen que envexar ao ‘crusaíto’ ou o ‘robocop’ que anos atrás asinara Rodolfo Chikilicuatre. Pronto xurdiron na rede numerosas parodias do momento, que mesmo deu pé a un hashtag que se facía eco do fito: #perreaconderoa.
2.- Tan só un par de días despois de lograr a vitoria nas municipais e cando aínda nin recibira o bastón de mando, os problemas para CR11 chegaban ata a mesmísima porta do Concello, nunca mellor dito. Os indignados do 15M acampaban na praza do Obradoiro para desgusto do alcalde que sentenciaba que a praza “non estaba para ser un campamento okupa”. Preocupado pola proliferación de tendas Quechua sobre o patrimonio da Humanidade, o rexedor alertaba que un turista “non pode chegar á cidade esperando ver unha marabilla e ver o que hai”.
3.- Malia todo, semella que despois de tantos séculos nada asusta ás pedras do Obradoiro. Nin sequera o traxe que Conde Roa escolleu para a ofrenda ao apóstol o pasado 25 de xullo. O mandatario deixou pampos aos asistentes co traxe que “un amigo” elaborou para a ocasión. Con esta indumentaria foi quen de actualizar o traxe rexional de gala engadindolle ás polainas e ao chaleco unha gravata e unha camisa de vestir. Un aspecto de ‘neogaiteiro’ que segundo apuntaron dende o Concello “foi unha licencia súa, unha aposta persoal”.
4.- Non só nesta cita o alcalde de Santiago aproveitou para facer alarde da súa galeguidade. Para defenderse das linguas viperinas que o acusaban de facer un uso maioritario do castelán nos actos oficiais, Conde Roa postulouse como novo alicerce do galeguismo tras espetar: “Non teño ningún problema co galego nin o tiven nunca. De feito ata soño en galego”.
5.- Se de algo deixou mostra o rexedor foi da súa rexia vontade de velar pola seguridade dos cidadáns da capital galega. Co desaloxo da coñecida Sala Yago no centro da cidade, Conde Roa contribuíu a desarticular un perigoso “laboratorio de guerrilla urbana” que se atrincheiraba no célebre local armado con lixivia, papel de aluminio e mesmo un tirachinas. Xa dende a oposición prognosticaba a proliferación de grupos “paraterroristas” asociados a certos espazos da cidade dos que advertiu que “buscaría calquera resquicio legal para pechalos”. Meses despois do suceso, Compostela respira tranquila en parte grazas á frase que serviu como revulsivo a todo este xerme de delincuencia: “Los violentos van a sentir nuestro aliento en su nuca”.
6.- A estas alturas ninguén é capaz de dubidar do verbo fluído do rexedor. Ninguén agás o iluminador da obra El barbero de Sevilla ao que chamou “mamón e parásito” á saída da estrea do espectáculo. Os actores da obra desataron a súa furia tras amosar carteis con lemas como “non hai pan para tanto chourizo”, acto tralo que Conde Roa increpou ao traballador da compañía dando lugar á liorta.
7.- Aínda así, cómpre lembrar as declaracións do alcalde onde reivindicaba o bo talante e a cordialidade que todos os composteláns de ben levan no ADN, especialmente no trato cos inmigrantes. Na sinatura dun convenio deste eido, Conde Roa sentenciou que os santiagueses están “feitos doutra pasta” e que a súa amabilidade cos que veñen de fóra é tal que “hai máis de vinte séculos chegou un cidadán palestino en pateira e sen papeis e fixémoslle unha catedral". Iso si que é hospitalidade.
8.- Con todo, unha das espiñas de CR11 logo dos seus primeiros 10 meses de mandato foi a negativa á súa teima persoal máis ambiciosa: facer de Santiago a sede da Copa Davis. O maxistral plan do alcalde suporía a solución a tódolos problemas da capital. Por unha banda provocaría unha notable afluencia de turistas á cidade e un empurrón económico só comparable co que supuxo a visita do Papa. Pola outra, solventaría o eterno dilema de que facer coas instalacións do Gaiás. Quen precisa cultura habendo terra batida? Finalmente, non foron quen de apreciar as vontades do proxecto de Santiago, e dende logo non foi porque o alcalde non tratara ben aos técnicos.
9.- Pero sen dúbida a principal cruzada que mantivo Conde Roa foi o seu rexeitamento frontal contra o botellón. “Fronte a esquizofrenia de alcaldes socialistas que toleran esta práctica, eu garanto que se este fenómeno non cesa iremos pola vía das sancións”, sinalou. E é que a cantidade inxente de mozos e mozas que pasan o tempo bebendo alcohol na rúa vese reflectido segundo o rexedor compostelán nos malos datos académicos. “As épocas de facer carreiras en 10 e 15 anos ten que esquecerse. Non podemos estar subvencionando permanentemente ao vago”, explicou.
10.- Para finalizar cómpre botar man da frase inicial para explicar a última teima do alcalde. Ao igual que Kennedy, el ten un soño: levar a estación do Ave ao aeroporto de Lavacolla. A postura de JFK defendendo a posibilidade de que o home puidera algún día pisar a lúa inspirou ao rexedor, quen sinalou que el non se queda atrás e tamén “lanza retos á sociedade”. Adiantándose ás críticas, Conde Roa revelou que o seu paralelismo con Kennedy débese a actitude á hora de afrontar desafíos. Chegados a este punto fai unha necesaria aclaración: “Non pensen que quero que de Lavacolla saian foguetes”.
FOTOGRAFÍA: Iván López



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede