Polémica en Cambados pola decisión do alcalde de erixirlle unha estatua a Manuel Fraga
- Detalles
- Categoría: Política
- Publicado o Sábado, 02 Xuño 2012 15:30
- Escrito por DIOIVO
Polémica en Cambados pola decisión do Goberno Municipal dirixido por Luís Aragunde, do Partido Popular, de lle erixir unha estatua na vila ao ex-presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga. Segundo revelou o blog Cambados(tk), a decisión foi tomada sen informar ao resto de grupos políticos con representación no concello. A estatua, que xa lle foi encargada ao escultor local Lucas Míguez, quen realizara con anterioridade as esculturas de Ramón Cabanillas e Asorey, custará segundo afirma o propio alcalde, máis de 15.000 euros, inda que dende Cambados(tk), aseguran que o prezo podería estar máis perto dos 30.000, pois 28.000 euros foi o prezo cobrado o ano pasado polo mesmo artista pola escultura de Asorey (en principio de características semellantes).
O alcalde Aragunde, en declaracións recollidas por Faro de Vigo, asegura que a escultura "non trata de homenaxear ao Fraga político, senón o Fraga albariñense, porque grazas a el o sector do viño tivo un pulo enorme, e iso beneficiou a miles de familias. Cambados débelle cando menos unha pequena homenaxe en forma de estatua". Porén, xa se ergueron numerosas voces críticas. Os partidos da oposición opóñense frontalmente. Dende o PSOE aseguran que "non é o momento para lle facer unha estatua a un político que vén directamente da ditadura de Franco. Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do BNG, Víctor Caamaño, no seu blog, di: "Parece unha burla pedirlle continuos sacrificios económicos aos veciños e veciñas, vir de subirlles os impostos de xeito abusivo, e posteriormente gastar miles de euros para mellor gloria dunha figura do PP". E engade, en relación a súa prevista ubicación: "Manuel Fraga é un personaxe que representa ao réxime franquista e ao PP, e que non suscita en absoluto consenso, pois o feito de querer situala na horta do Pazo de Torrado, para evitar actos vandálicos porque se pecha polas noites, mostra claramente que o PP é consciente de que se trata dunha figura non aceptada por todos e todas".
O máis curioso é que o alcalde de Cambados vén de solicitar axudas económicas a outras administración para facerlle fronte aos custos da obra.
A iniciativa bateu co rexeitamento de numerosas persoas e colectivos da vila arousá e dende Cambados(tk) xa convocaron unha concentración o sábado 9 de xuño na Praza do Concello.
FOTO: Cartaz concentración contra a escultura (Cambados(tk))



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede