O lalinense Pablo Cacheda, MVP da final do campionato de Europa sub-20 de balonmán
- Detalles
- Categoría: Balonmán
- Publicado o Luns, 16 Xullo 2012 12:31
- Escrito por Carlos Meixide
O deporte galego segue colleitando éxitos históricos en categoría xuvenil. Se o pasado xoves dabamos conta do ouro conseguido pola atleta de Ribeira, Ana Peleteiro, en triplo salto no Mundial xuvenil de atletismo que se disputou a pasada semana en Barcelona, hoxe cómpre salientar outro fito, o do xogador de balonmán de Lalín, Pablo Cacheda, proclamado MVP (xogador máis valioso), da final do Campionato de Europa sub-20 disputada onte en Turquía, na que a selección española saiu campiona ao derrotar a Croacia por un contundente 34-21.
Pablo Cacheda, de vinte anos, central, formouse nas categorías inferiores do Balonmán Lalín e dende hai catro anos forma parte da disciplina do Academia Octavio de Vigo, co que xoga na Liga Asobal. Esta tempada disputou 28 partidos na máxima categoría, e marcou 125 goles, o que lle valeu para ser considerado o mellor debutante da competición.
Na selección española que conquistou por primeira vez o campionato de Europa xuvenil, alén de Pablo Cacheda, tiveron un rol determinante outros dous xogadores galegos: David Chapela, lateral esquerdo vigués que milita no Teucro de Pontevedra; e Víctor Rodríguez Costas, tamén lateral esquerdo, que xoga no Seis do Nadal do bairro vigués de Coia.
FOTO: Academia Octavio



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede