1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 22-05-2013 08:11

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

A sétima no peto

O Breogán sumou a súa sétima vitoria consecutiva na difícil cancha do Knet&Éniac Clavijo de Logroño, o equipo que presentaba un mellor balance de vitorias na segunda volta da Liga. O equipo lugués volveu demostrar a notable progresión no seu xogo e hoxe foi capaz de superar a un rival especialmente correúdo. No segundo cuarto, os de Pepe Rodríguez deron un arreón importante no marcador (17-26) que lles pemitiu chegar ao descanso cunha vantaxe ben xeitosa (32-40). Na reanudación, os rioxanos puxeron as cousas difíciles, nomeadamente o impoñente á pivot nixeriano Lawal, que foi o mellor dos seus con 21 puntos e 14 rebotes, pero en ningún momento o Breogán perdeu a concentración nin se afastou do guión deseñado ao longo da semana. Ao final do terceiro cuarto o marcador estaba moito máis axustado (57-60), pero no derradeiro, os galegos demostraron unha extraordinaria lectura do xogo, aplicándose con dureza en defensa e cun inusitado acerto no xogo ofensivo. Como no último partido ante mallorca, o Breo soubo administrar con oficio vantaxes no marcador exiguas pero suficientes. Finalmente, o resultado 79-86 é o premio para un Breogán que foi mellor co rival nun partido especialmente duro e igualado. O Knet&Éniac chegaba o partido co mesmo número de vitorias co Breogán. Agora queda a un partido e co basket-average en contra.

No plano individual, cómpre salientar polos celestes máis unha vez a James Feldeine, máximo anotador do equipo con 21 puntos e unha notable puntería no tiro exterior. Da mesma maneira ca pasada semana, contribuiu tamén no apartado reboteador (8 rebotes). Quen non estivo tan entoado como outras veces foi o senegalés Papa Dia (8 puntos, 5 rebotes), mais esta noite o seu rol asumiuno á perfección un soberbio Manu Gómez. O pívot coruñés achegou 18 puntos e 10 rebotes.

Con esta nova vitoria, o Breogán sitúase sétimo na clasificación e agarda pola visita o sábado que vén do Girona, en cuxo plantel están os exbreoganistas Nacho Ordín e Jordi Vallmajó.

Estatísticas do partido

Entrevista a Pepe Rodríguez na previa do partido

FOTO: Ogirri nun partido desta tempada (CB Breogán)