1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

''Nunca nos chamaron para tocar en Lugo''

O venres seis de abril os Samesugas tocaron no Aversion Fest de Burela. A antiga praza de abastos da localidade serviu de escenario para a actuación de seis bandas ese día. Media hora antes de cear, falamos sobre o novo disco e outros temas. Vendo a que cae esa noite, suponse que se agradece tocar a cuberto. 

They are out there é o voso novo traballo. Pero quixera saber como facedes para manter o  atractivo dentro do voso estilo pasado xa un tempo desde que comezastes.

Alex- Basicamente porque aínda non creo que atoparamos o noso estilo. Aínda estamos buscando logo de tanto tempo, por iso aguantamos.

Ramón- Tampouco é que busquemos moito, é algo natural que nos sae así. Nin buscamos influencias. 

Joaquín- Non sabemos por que. Facemos o que facemos pero facémolo.

Alberte- Se a ti che parece atractivo, entón témolo conseguido. Non sei como. Intentando que nos atraía a nós mesmos,  que é o máis importante. 

Cando abrides neste novo traballo co tema “Exploding heart”, nótase que hai unha cadencia distinta, un ton melódico que non escoitei nos discos anteriores.  Vai haber cambios substanciosos nos Samesugas, polo menos nos ritmos?

Alb.- Ese corazón pop, ese ton tiñámolo desde o comezo. O caso é que tiñamos cancións gravadas pero non  editadas, que eran máis pop. Non sei se seguiremos así, foi unha boa recuperación. Ao longo da discografía dos Samesugas houbo máis cancións con fondo pop.

Alx.- Pode que co tempo vaias perdendo complexos. É o que dicimos sempre, que a estas alturas pasamos de estilos. Queremos que nos guste a nós, e con iso xa nos chega.

Tamén cambiastes o estilo na portada. Queredes achegarvos a un novo público?

Alb.- O da portada foi algo moi longo. Demos moitas voltas cos de El Pulpo Produccións, xente de Crack Records, que compartillamos cos Homems. Sempre fixemos portadas diferentes. Esta foi cousa deles despois de escoitar o disco, que lles gustou. Non é que pretendamos ir a outro público nin moito menos. 

Jo.- Non creo que nos esteamos achegando a un público distinto por cambiar o estilo das portadas, pensó eu.

Alx.- Iso foi despois de escoitalo. Darlle unha cara amable e logo máis agresivo. 

Alb.- Antes e despois, porque creo que conseguiron. Cando te fixas, ves que unha bizarrada, ten unha dobre cara que hai mirar ben.

Quen ameazou ao Señor Anido para bailar no video de Exploding heart?

Alb- Todos, durante unha noite. O noso amigo Porfi Beat, fixo o video nunha tarde que aborrecía desde Londres. Conseguiu o video dunha actuación nosa en Esteiro. Tocaban Jiménez-Losantos, e subiu espontaneamente Señor Anido a bailar.

Jo.-  E a morrearnos. Ao Anido estalle moi ben por subir aos escenarios para morrear aos músicos. 

Que lle ofrece ao público moito máis novo o r´n´r máis simple de baixo, guitarra e batería?

Alb.- Iso é que nos temos que preguntar, se o público máis novo segue preparado para o r´n´r. Porque ás veces nos concertos vemos que a idade media está nos trinta e cinco para arriba. Pero algo lles temos que ofrecer.

R.- Supostamente nós ofrecemos o que temos e a xente busca o que lle gusta e o que non. Nós damos o que temos e eles escollen o que lles gusta. Non é que nós nos adaptemos a un novo público nin a novas músicas para nova xente. Eles terán que buscar o que lles gusta e o que non. 

Jo.- Nós facemos a nosa proposta e tratamos de defendela o mellor que podemos. O r´n´r simple de baixo, batería e guitarra, pois é a auténtica esencia dun estilo e modo de vida que nos gusta. Sempre o mesmo pero sempre distinto.

Logo de doce anos, en que cambiou o panorama?

Jo.- Camboiou moito comezando pola chegada da dixitalización. Cando comezamos nós, foi cando naceron os primeiros estudos accesibles, cun resultado bo e unhas cousas. Non cambiou o panorama, cambiou o mundo.

Alb.- Comezamos ao mesmo tempo que Estudios Bonham, con quen tivemos tantas experiencias. Agora hai moitos máis estudos. Desde hai doce anos hai máis salas de concertos, estudos, máis grupos.

E no malo?

R.- O malo segue sendo o mesmo de antes. Baixaron os salarios. Como non seguimos as modas.

Jo.- O tema das modas que sempre son cíclicas. Hai uns anos o tema do rock parecía que estaba de moda.

Alb. – Cada día e máis difícil ter un grupo como hobby. 

Tedes colaboracións con Marcelo Pocavida e The Homems.  É necesaria a colaboración entre as bandas para mantérdevos?

R.- Iso é imprescidible para as bandas de aquí e de todas partes. En Euskadi ou Cataluña teñen os mesmos problemas. Os intercambios son necesarios e son o máis habitual, porque abre máis posibilidades de tocar noutros lados. Ao haber unha grande variedade de grupos, tes que ter apoios doutros grupos para chegar a outros públicos.

Alb.- Desde a nosa maneira de traballar, a solidariedade entre bandas é imprescindible.  Desde a nosa forma e maioría de bandas que coñecemos. Moitas veces estás dentro dos teus gustos, a nosa filosofía vén do punk, facelo todo un e colaborar cos demais. Pero hoxe é máis que punk, está aberto a moitos máis estilos. Non somos profesionais e a solidariedade e colaboración mutua é o máis doado. 

Cal é o lugar que aínda non se abriu a Samesugas?

Jo.- Lugo. Nunca tocamos en Lugo cidade.  Nunca nos chamaron.

Hai unha resposta moi socorrida polas bandas: a limitación do circuito polo que se moven. Isto desde hai moito tempo. Seguimos nas mesmas ou por fin hai máis posibilidades?

Alb.- Desde que toco en bandas, hai case vinte anos, sempre foi un circuito moi estreito, pero sei  o que hai, non aspiro a máis. Ou creces e pegas un brinco e chegas a unha semiprofesionalidade para chegar a outro público, ou desde o noso punto de vista “é o que hai”. Prefiro un circuito limitado pero telo, que haxa unha certa xente que me veña ver, que merque os discos. Afortunadamente hai xente que merca os discos, aínda que sexa moi  poucos, veñen aos concertos, aínda que sexa un público reducido. 

Jo.- Eu vexo que é unha cousa cíclica. Ás veces as cousas poden ir a mellor ou a peor. Lembro hai dez anos era estrano o mes que non iamos ver concertos a Vigo. E pensábamos que en Compostela non había nada. Logo parecía que en Compostela hai máis salas, máis concertos, e hai un tempo que parecía non haber nada en Vigo. É unha cousa cambiante, pero en conxunto somos os mesmos afeccionados ao rock.

Alb.- A vantaxe que temos, creo que é non termos comido nada nunca, non caer de ningunha parte. Pode ser que houbera épocas con concertos de máis caché, que nos axudou a levantarnos un pouco. 

E do peche de salas en Compostela, onde estades radicados a maioría, que opinión tedes?

Jo.- Cando comezamos nós, era difícil conseguir tocar nalgún local, quitando a NASA, que para nós tiña a cousa de ser moi grande. Para nós non pasa nada diferente do que pasou sempre. 

Alb.- En Compostela hai máis sitios onde tocar ca nunca. 

Jo.- Aínda que as condicións non sexan das mellores.

R.- Nunca foron as mellores condicións para tocar en calquera sitio. É como todo. Antes habería un exceso e agora recortan, que é a solución que teñen. Eses problemas hóuboos sempre.