1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 18-05-2013 10:33

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

“Buscamos novas vías de achegarnos ao público”

Estaleiro Editora naceu como unha vía alternativa á edición en Galicia. Fuxindo das presións que traen canda si as subvencións, tiran por camiños alternativos á industria convencional do libro . Falamos con Mike Williams, un dos integrantes da asamblea que leva adiante este proxecto editorial.

Como presentarías Estaleiro aos que non a coñezan?

Estaleiro é unha iniciativa de edición independente que procura editar dentro do sistema literario galego, empregando a norma que escolla cada autor. Procuramos así dar voz a quen normalmente non podería publicar nas vías tradicionais. 

Cal é a vosa dinámica de funcionamento?

Temos uns estatutos que nos definen como organismo asembleario. Unha vez ao ano facemos unha escolma dos libros que queremos publicar para esa tempada. Dependendo das forzas na organización e da calidade da obra, tentamos publicar o que poidamos. Logo a corrección, maquetación e todo o traballo faino xente de Estaleiro. Votamos para cada libro e dependendo da vontade xeral, editamos os que poidamos.

A privatización do ISBN, como vos afecta?

É un tema sobre o que debatemos nestes últimos tempos. Decidimos non pedir o ISBN, non vemos que sexa moi necesario para unha iniciativa do nivel de Estaleiro. Normalente os libros xa son coñecidos polo libreiro e ademais temos normalmente un contacto moi persoal con cada libraría. E polo feito de ser privatizado,  non nos parece ben. 

Diante desta resposta vosa, tedes medo de que deixen de afluir autores a Estaleiro?

É un asunto para tratar con cada autor. Por exemplo, en certa producción científica, a falta de ISBN implica que a publicación non é considerada como dabondo rigorosa. Agora estamos informando que nestas circunstancias non pedimos o ISBN. No caso de que sexa moi importante para o autor, pois negociamos con el. 

Un dos últimos traballos que publicou Estaleiro titúlase Retomando a palabra, de David Rodríguez. Son artigos do blog deste autor. Os traballos que aparecen en formato electrónico, considerades que logo necesitan ser editados en papel ou isto só é un formalismo?

Eu non sabería desa escolma de artigos se non fosen editados en papel. Non teriamos unha reseña na prensa xeral se non fose pola edición en papel. No caso deste libro, penso que era necesario. Votouse con moito entusiasmo. Ao final, son artigos pequenos que podes ler de maneira fluida. Tamén son artigos que non perderon actualidade. 

Publicades traduccións como Cartas desde o cárcere, de Antonio Gramsci. Son necesarias máis traduccións ou considerades saturada a oferta neste terreo?

É cuestión de buscar a necesidade. Depende da permanencia da traducción tanto no eido español ou no portugués. No caso das Cartas, Laiovento saiu cunha versión das outras cartas. As que publicamos nós eran unha escolma que ao non seren publicadas por outros, decidimos darlles saída nós. Creo desde o punto de vista literario, que a traducción é moi necesaria. Isto fai que o galego asuma retos lingüísticos e dálle unha vitalidade nova. Cos textos teóricos, non sei se ten esa función tan vitalista como na ficción. Vexo ben as traduccións e logo hai que ver se pode funcionar economicamente.

Nas vosas bases apuntades querer ser referente alternativo para consumidores e creadores. Que significa para vós ser alternativo?

Partir da idea de que quedaremos sempre na marxe. O tema do ISBN xa é unha mostra diso.  A xente que está na marxe, vese empuxada máis á marxe. Buscamos novas vías de achegarnos ao público. Os nosos libros están na rede, para baixar. Tamén somos alternativo no sentido de que cada autor ou autora, pode publicar con nós con facilidade e ter  un trato persoal  coa editora e mesmo formar  parte dela. Logo está considerar a edición independente como unha vía factible. Este ano trataremos o tema da edición independente nunhas xornadas para adoptar unha postura de colaboración e movernos nas marxes de maneira fructífera.

Tanto Estaleiro como iniciativas semellantes, considerádesvos elementos resistentes fronte ao actual modelo editorial. Queredes ser simplemente resistentes ou buscades romper coa maneira de facer as cousas?

Creo que as dúas cousas. Simplemente sendo resistente xa rompemos un pouco coa dinámica actual. Coa nosa dinámica, informamos á xente; cando vendemos nas librarías pero tamén nos postos das feiras e festivais. Explicamos o que é. Non deixa de impactar o novo que é iso de vender en editoras libres e que os libros cando entran no mundo literario, xa son propiedade intelectual de todos. Romper co sistema editoral actual, creo  que é dar a coñecer que hai outra maneira de facelo. Que se formen máis editoras como a nosa, terá moito impacto. Creo que se experimenta un cambio na maneira de ler. Os prezos que cobra unha editora normal deixarán de ser accesibles para moita xente.

O respecto á normativa que escolla o autor non creou ningún conflito?

Crea un ambiente de rivalidade dinámica e intercambio produtivo. Normalmente, se a fonte é o autor, se xa vén nun determinado formato, queda así. Hai veces nas que se discute para procurar un certo equilibrio. Tentamos dar entrada a todas as opcións baseándonos na calidade da obra, máis que noutra cousa.

Consideras unha solución válida o que fai Estaleiro, mesmo para as editoras grandes?

Se non queren vivir disto, si. Non é viable para eles. O autor para nós, quedaría encarregado do proceso do libro.  É algo moi distinto da división do traballo nunha editora convencional.