1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

"A cultura construímola entre todos"

O Cineclube de Compostela leva once anos traballando por ofrecer unha visión diferente sobre o cinema. Desde o documentario e filme clásico aos traballos máis vangardistas ou de “autor”. A isto hai que sumarlle unha actitude a favor do libre acceso ao material audiovisual. Para eles a idea é moi simple: compartir non é delito.

Entrevistamos a Lara Rozados e Pablo Cayuela, presidenta e vicepresidente do cineclube.

P- O Cineclube de Compostela cumpre once anos. Cales serían as iniciativas con maior presenza logo deste tempo?
Lara- Non sei se hai feitos concretos. O que si deixou foi unha traxectoria de once anos programando en diversos espazos, primeiro máis vinculado á Universidade e logo dentro do asociacionismo. Tivemos un case-momento interesante o ano pasado, cando houbo a posibilidade de volver a proxectar na Sala Yago, cando foi ocupada.
Pablo- Eu penso que hai que valorar a nosa mesma experiencia. Para min é importante compartir un visionado con esa xente, un debate e o que che transmite un filme.

Primeiro proxectáronse clásicos. Hoxe tamén se proxectan traballos que poderiamos chamar “de autor”. Cal foi o motivo e o momento que se toma esta iniciativa?
Lara- Os principios estaban máis relacionados coa aprendizaxe e a descuberta. Cando un grupo de persoas de Xornalismo comeza a ter contacto co cinema a través dos clásicos. Non lembro o momento no cal pasamos aos novos temas. Isto é algo colectivo, faise entre todos. Segundo as ideas de cada un, é como van saíndo as cousas.
Pablo- Comezouse en Xornalismo, en 35 e 16 mm. Cando se esgotaron eses fondos, cadrou que abría a Gentalha do Pichel. Iso uniuse ao desexo de evolucionar e proxectar outras cousas nunha sala que permitía máis liberdade nese aspecto.

Tedes outras maneiras de facervos visibles?
Lara- O que interesa é chegar ao público para crear espazos de debate. O programa de radio na Kalimera, O Fondo do Aire é Vermello, naceu por ter un espazo para xogar con outras linguaxes.
Pablo- O blog permite funcionar como un arquivo no que gardamos os programas de radio, textos que traducimos, subtítulos que se poñen ao dispor da xente. Mesmo partes dos libros que editou o Cineclube.

Para a selección de filmes, tedes unha dinámica asemblearia. Podedes explicala?
Lara- Cada quen, socio ou non, pode presentar as súas propostas. Imos decidindo por dispoñibilidade dos filmes e de subtitulado. Tamén mirando a presenza de autores galegos e poder contarmos con eles.
Pablo- Entendo que tamén vai en función dos coñecementos de cada quen. Hai xente que se move máis por festivais e que sempre ten propostas que outros non vimos. Logo as propostas que nos chegan de fóra, para organizar ciclos específicos.

Cando a xente, organismos públicos ou empresas privadas contacta co Cineclube, entende o que é un proceso asambleario?
Lara- A xente é certo que pode telo como un espazo cultural máis na cidade. Penso que é unha falta de cultura asamblearia. Compostela, aínda así, é unha cidade favorable a este punto.
Pablo- En xeral nin concello nin produtoras, salvo unha que propuxo colaborar, non propoñen nada. Pero quen o fai, non ten problema con iso. Creo que si é interesante pensar de maneira interna, se nós o entendemos. Unha asamblea ten unhas dinámicas de poder que todos vivimos e participamos nelas e que son as que temos que aprender a corrixir. Distribuir o traballo segundo o que sabe cada quen é difícil de determinar. A min paréceme positivo esa experiencia para tentar corrixir quen participa máis ou menos, e como debemos facer as cousas de maneira democrática.


Sobre a propiedade intelectual, o Cineclube está a favor do libre acceso. Estades preparados para o que vén coa lei Sinde-Wert?
Lara- Non sei se estamos preparados ou non fóra de seguir facendo o que nós fixemos sempre. Crer nesa idea de cultura libre e accesible para todo o mundo. A nosa posición vai seguir sendo a mesma. Se pasa pola desobediencia cívica, pois creo que xa estamos medio situados aí.
Pablo- Funcionaremos como o fixemos ata o de agora, sendo prudentes nalgún caso. Se hai algún problema con isto, pois xa veremos se interrompemos a actividade. Como tamén é unha aposta, somos conscientes diso.

Outra das iniciativas é a edición de libros. O libro Non conciliados, ten como subtítulo Argumentos para unha resistencia cultural. Considerades que o Cineclube participa desta resistencia cultural o a súa actitude é máis belixerante?
Lara- O concepto “resistencia” é algo moi dialéctico, que está en construcción. Resistencia fronte a: que? Véxoo como que estamos nun proceso dinámico e que nós coa base da que partimos, estamos posicionados.
Pablo- Estou lembrando unha frase que lle lin a Margarita Ledo, a resistencia era tamén que a xente fixese ben o seu traballo. Moitas veces caemos en moita retórica e o traballo cotiá e siencioso de moitas persoas, pode ser máis importante.

Hoxe en día coa que cae, é posible unha posición militante desde o cinema?
Pablo- Creo que desde logo. Hai moita xente que o demostrou desde todos os aspectos da producción dun filme. Hai moita xente que traballa para atopar un espazo.
Lara- Non só posible, senón que é necesaria unha contestación nesta época de certa acomodación social.