Fútbol?..., gaélico, claro
- Detalles
- Categoría: O Curruncho Gaélico
- Publicado o Venres, 15 Xuño 2012 07:25
- Escrito por Wenceslao G. Zapata
Campionato de Europa de 2012 organizado pola UEFA. Estadio PGE Arena, en Guedania, Polonia. Nas gradas, 22 mil seareiros irlandeses e seis mil españois. Os verdes perderon por goleada, pero, logo de ver con que paixón animaban aos pupilos de Trapattoni, a poucos se lles ocorrería cuestionar que nesa illa o fútbol arrastra masas. Erro.
O que en Irlanda se chama fútbol é o fútbol gaélico. Aló, ao deporte ao que xogan o Dépor e o Celtiña chámanlle “soccer”, como os estadounidenses. Un xeito de marcar as distancias co deporte británico. Na illa, o fútbol gaélico é o que conta con maior número de deportistas federados, cos estadios máis grandes, coa maior asistencia aos mesmos dos seareiros e coas meirandes cifras de espectadores televisivos.
O fútbol gaélico é un deporte afeccionado malia todo o anteriormente dito. Que máis de vinte mil irlandeses estean nun estadio polaco animando á súa selección nacional de fútbol (británico) non significa que haxa un fervor espectacular polo deporte do país veciño. Non é que non lles guste o fútbol, senón que non é o seu deporte favorito. Á parte do Aviva Stadium (onde xogan as seleccións de fútbol e rugbi) o campo dun club de fútbol irlandés con máis aforo é o Tallaght Stadium, dos Shamrock Rovers de Dublín, con bancadas para dez mil espectadores.
Croke Park, tamén na capital, ten capacidade para 82 mil seareiros e nel só se xoga a deportes gaélicos. En Thurles, Limerick, Cork, Killarney, Castlebar e Clones hai estadios para fútbol gaélico e hurling máis grandes que Riazor. Precisamente é o hurling, deporte autóctono e afeccionado tamén, o segundo en popularidade entre os irlandeses.
Mentres que un cidadán de Wexford ten claro que os equipos do seu corazón, tanto no hurling como no fútbol gaélico, son os equipos da súa vila, cando se lle fala do noso fútbol, a resposta é imprevisible: Manchester United, Liverpool, Celtic, … Poucos contestarán o nome dun equipo irlandés. Porque o fútbol británico é un espectáculo foráneo para eles, como un galego pode vibrar cos Lakers de Kobe, os irlandeses fano co Chelsea de Drogba. Só que non teñen un Breogán ou un Obradoiro coma nós.
Mesmo o rugbi, o cuarto deporte do país, medra a un ritmo maior có fútbol británico. Este ano, a final da máxima competición europea disputárona dous equipos hibérnicos: Leinster e Ulster. O combinado nacional, que, ao contrario que a disciplina que dirixe a FIFA, une nunha mesma vestimenta a toda a illa, é motivo de orgullo. A tradición do Seis Nacións e o bo papel que fixo nas Copas do Mundo de rugbi axudan a que medre o deporte do balón oval, coméndolle camiño ao que parece reinar no resto de Europa. Pero aínda moi lonxe dos xogos gaélicos.
Por iso, aínda que o PGE Arena de Guedania tremía cos berros de ánimo dos denodados seguidores irlandeses, o balompé aínda está lonxe de conquistar as almas dos compatriotas de James Joyce. O fútbol en Irlanda foi, é e seguirá sendo o fútbol gaélico.
FOTO: www.wexfordgaa.ie



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede