1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 19-05-2013 19:58

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Galicia debuta con vitoria no fútbol gaélico

 O fútbol gaélico deu un paso máis na súa centenaria historia este venres 20 de xullo de 2012 en Narón. Por primeira vez, dúas seleccións nacionais oficiais, sen xogadores irlandeses, desputaban un partido. Galicia e Bretaña debutaron nun encontro organizado pola Fundaçom Artábria e Siareir@s Galeg@s. Un feito histórico, con repercusión en toda Europa, malia non ser un encontro de masas e aínda que, sobre todo os galegos, somos dous pobos novatos no deporte nacional irlandés. Mais fixemos historia e, por se iso non bastase, gañamos o partido: Galicia 5-08 (23) - Bretaña 3-08 (17).

Este debería ser un artigo informativo, unha crónica, non un artigo persoal, parcial e escrito en primeira persoa, cargado de opinión. Pero vai ser isto último. Un acontecemento como o é formar parte da estrea da Selección Galega de fútbol gaélico provócame estes delirios de personalización da nova. O feito de ser capitán do combinado galego, algo simbólico, tamén me enche de orgullo. O máis importante, porén, sen caer na fachenda, é o excelente grupo de xogadores que representamos con honra ao noso país ante Bretaña. A Selección Galega formámola un conxunto de persoas de ideoloxías diferentes pero unidos por unha paixón polo fútbol gaélico que vai impedir que esmoreza o noso desexo de popularizar este deporte na nosa terra. E o partido de onte foi un nexo de unión fundamental.

Comezamos xogando nervosos. Ata no himno, cantado ao son dunha gaita, moitos de nós trabucámonos nas estrofas finais. Era a versión longa e a ocasión sobrepasábanos a todos. Co pitido inicial, a responsabilidade abafábamos. Aos bretóns pasáballe algo semellante. Os primeiros ataques dos dous conxuntos non foron atinados. O tempo pasou para mellor, nuns minutos xa estabamos centrados no xogo. Os galegos tomamos vantaxe e parecía que tiñamos o ritmo do partido controlado.

Pero Bretaña non viñera de visita. Os bretóns tiraron de orgullo e anotaron tres goles en tres erros nosos en defensa. Estabamos desesperados. Íasenos en tres minutos toda a diferenza que nos custara tanto acadar. Así, rematou a primeira parte cun marcador total de 10-11 favorable á Selección Bretoa. Habería que cambiar cousas para darlle a volta. O seleccionador nacional, Carlos Seco, pediu máis concentración. Coa adrenalina desbordando, pedinlle aos meus compañeiros máis dureza. Tiñamos a Ripa e a Xandre mancados, xa non voltarían xogar no partido, e nós non podiamos ser tan brandos atrás porque, de feito, os bretóns non o eran.

Saímos na segunda metade como pedía Carlos, cada un asumindo o seu rol e compoñendo un equipo verdadeiro. E así foi como conseguimos tomar de novo o mando no encontro. O partido chegou aos momentos finais sen emoción no resultado, pois a nosa vantaxe era boa. Non obstante, Bretaña, con menos cambios ca nós e cunha longa viaxe nas costas, tentou achegarse anotando punto a punto. Non tivo tempo de culminar esa fazaña. Galicia venceu por seis puntos de diferenza. Bretóns e galegos fundímonos nunha aperta colectiva. A decepción da derrota bretoa víase compensada con esta estrea histórica. Para nós, a victoria foi un premio extra.

O Galicia-Bretaña foi a consecuencia do traballo dos xogadores de Fillos de Breogán dende o 2010. Non só os galegos, senón tamén os nosos compañeiros Ken, Seánie, Peter, Vahe, Pádraic, Carlos Morandé, Eugénie, Michelle, etc., que coma nós fan día a día que o fútbol gaélico medre en Galicia. Os cambios que se produciron en menos de dous anos foron espectaculares e inesperados, todo graciñas a un grupo de entusiastas que están sementando un novo deporte na nosa terra.

No verán de 2010, logo de voltar de vacacións de Dublín, tiña ganas de xogar ó fútbol gaélico, un deporte que me namorara aló en Irlanda. O equipo máis próximo á miña cidade era Madrid Harps. Así que procurei facer unha tolería: crear un equipo de fútbol gaélico na Coruña. Nunca pensei que en tan pouco tempo chegariamos tan lonxe.

Xa dende o primeiro momento, a xente respondeu dun xeito inesperado. Non sen problemas e con moitísimo traballo, o grupo de tolos gaélicos foi medrando pouquiño a pouco. En 2011, no noso primeiro ano de existencia, A Coruña Fillos de Breogán participamos en tódolos torneos do Campionato Ibérico, finalizando cuartos e cunha apoteósica victoria ante Naomh Fermin Pamplona por 10-1 no noso último compromiso da tempada. En 2012, debido o gran número de xogadores e xogadoras, creamos o equipo feminino, Fillas de Breogán, e o noso segundo equipo, Ártabros de Oleiros. Organizamos neste ano un torneo oficial na Coruña e nel batemos a Madrid Harps (os campións ibéricos) acadando a nosa primeira final. O último logro foi fornecer a Selección Galega, con estatus oficial, da case totalidade de xogadores (Isaac Xubín xoga nos Nemo Rangers en Irlanda).

Só me queda agradecer aos organizadores, aos bretóns e aos meus compañeiros de Selección por facer posible esta festa do fútbol gaélico. Lémbrovos os protagonistas deste Galicia-Bretaña que, para nós, quedará marcado na nosa memoria para sempre:

Galicia: Alberto, Álex Vidal, Aro, Brais, Carlos Seco, Fran, Isaac, Javi, Julián, Martín, Óscar, Pablo Bregua, Pablo Fuentes, Pablo Miragaya, Pedro, Ripa, Sebas, Wences e Xandre.

Bretaña: Ronan Kerleo, Florian Lannuzel, Olivier Kowarski, Fabien Regnier, Francis Renard, Mickaël Le Collen, Tangi Le Dreau, Vincent Héry, Jean-Marie Allain, Sylvain Roinard, Bruno Durocher, Vincent Clerac, Alexandre Rousseau e Basile Talbot.