Os nazis e 'o canón de Ehrenfeld'
- Detalles
- Categoría: Bestiario do vestiario
- Publicado o Mércores, 30 Novembro -0001 00:00
- Escrito por Martiño Suárez
Albert Richter tíñao todo para ser un ídolo de masas na Alemaña nazi. Lucía alto, ben parecido, gastaba un deses espectaculares cortes de pelo da época e miraba cos ollos entre xélidos e tranquilos dun Ed Harris dos anos trinta. Era, ademais, de extracción modesta, simpático coa xente e fixera fortuna destacándose no ciclismo en pista, moi popular na época. Resultaba perfecto para que a propaganda fascista, tan amiga dos deportistas de éxito, se apropiase da súa figura para maior gloria do réxime.
Só había un problema: a Richter dábanlle bastante noxo os nazis e era cabezón coma poucos. O 'canón de Ehrenfeld', en referencia ao barrio de Colonia no que nacera en 1912, fixérase profesional en 1933, xusto o ano no que Hitler subiu ao poder. Conseguírao grazas a unhas formidables dotes como sprinter e, tamén, á axuda do seu adestrador, o ex corredor xudeu Ernst Berliner. Nos primeiros anos de ditadura parda a Richter non lle foi demasiado mal, pois andaba dedicado a correr -e gañar en moitas ocasións- carreiras por todo o continente; a partir de 1934 a Berliner prohibíuselle adestrar en territorio alemán, pero ao campión importáballe pouco que os visen xuntos en calquera outro país.
Pese ás presións do réxime para gañalo para a causa, deu ben cedo mostra de ser duro de roer. Hai unha fantástica foto súa, gañador do Campionato de Alemaña de 1934, rodeado de homes exultantes facendo o saúdo romano, entre eles un SA barrigudo e ameazante. Richter é o único da imaxe que non levanta o brazo; é máis, a súa man dereita agárrase á perna ben aberta e ben visible, protestando por omisión. Tamén se pode apreciar na instantánea que non leva o uniforme oficial da nova era, coa omnipresente esvástica cosida ao peito: Richter prefería reutilizar os de temporadas pasadas, coa aguia imperial, antes que levar a insignia nazi.
Mentres foi gañando, foi zafando, porque se algo tiñan os nazis era talento para aproveitárense das virtudes e das debilidades dos demais. Pero as cousas foron poñéndoselle difíciles a medida que os soños de expansión de Hitler se facían patentes. En 1938 tivo que dobregarse e levar, por fin, a camiseta coa cruz gamada e mesmo se lle viu saudar coa man en alto nalgún campionato. Non xulguen: o medo é libre. Ese mesmo ano, o adestrador fuxiu no último momento da deportación a un campo de concentración e exiliouse en Holanda; Richter non deixou, así e todo, de amosarse xunto del en competicións internacionais.
Invadida Polonia no 1939, ao campión de Colonia déronlle a opción de converterse en espía, aproveitando a súa axenda internacional, ou marchar á fronte de combate. Negouse a calquera das dúas cousas, e en decembro, despois de gañar o Gran Premio de Berlín, fuxiu de Alemaña levando consigo unha bici, uns esquís e un maletín con cartos para un amigo xudeu. En Ano Vello detivérono na fronteira con Suiza e o 3 de xaneiro declarárono morto por "suicidio por aforcamento", segundo os nazis da vergoña que lle dera ser atrapado colaborando con traidores xudeus. Non lle deixaron ver a ninguén o cadáver.
A filla de Berliner conta no documental O campión que dixo non, de Michel Viotte, que despois da guerra o pai, establecido xa nos Estados Unidos, volveu á Colonia da posguerra para tentar saber da morte do seu discípulo e, de paso, descubrir o traidor que avisara á policía de fronteiras. O adestrador non logrou moito máis que comprobar a sorpresa dos antigos compañeiros de profesión ao ver que el, un xudeu, sobrevivira á máquina de matar hitleriana.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede