1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 22-05-2013 08:11

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Lavoy Allen, o antídoto dos Sixers contra Garnett

Philadelphia conseguiu gañar o cuarto partido despois dun horroroso primeiro cuarto e de chegar a ir 18 por debaixo no marcador. As claves da vitoria: o acerto de Andre Iguodala nos momentos decisivos e, máis unha vez, a extraordinaria defensa do rookie Lavoy Allen. Van dúas vitorias dos Sixers e nas dúas foi Allen quen se encargou da defensa do pívot dos Celtics, imparable cando os partidos se decantaron do lado de Boston. No outro partido desta madrugada, os Lakes venceron por fin a Oklahoma noutro partido de final axustado no que Kobe BRyant fixo 36 puntos e os Lakers no seu conxunto anotaron 41 tiros libres de 42 intentos. 

 

BOSTON CELTICS 83-92 PHILADELPHIA 76ers (2-2)

Vaia partido tan raro en Philadelphia. Os Sixers comezaron cunha empanada descomunal. Non lles entraba nada e sentíanse incapaces de frear a ofensiva dos Celtics. O exemplo perfecto do desconcerto dos Sixers era un obcecado Evan Turner, tradicionalmente tan seguro nas súas accións de ataque, que se emperraba unha e outra vez en entradas suicidas a canastra ou en frustrantes tiros de media distancia (do 1 de 10 en tiros de campo do terceiro partido, hoxe pasou a un 5 de 22). Rajon Rondo xogaba a pracer e ante a defensa-pánico dos Sixers a Garnett, forrábase Brandon Bass para tirar só unha e outra vez dende cinco metros. En apenas tres minutos de partido o parcial xa era de 14-0 para Boston. Doug Collins tentaba frear a hemorraxia con tempos mortos nos que a única consigna importante que lles transmitía aos seus xogadores era: Relax!!! Relax!!! e algo axudou, pois se ben continuou  o bloqueo ofensivo, axustáronse as cousas en defensa, sobre todo ante a segunda unidade dos Celtics, e evitouse cando menos que os de Massachusetts abriran unha fenda no marcador insalvable. Tras o descanso, mudou a historia do partido, porque a Philadelphia poderanselle acharcar moitas cousas pero non que sexa un equipo aplicado e loitador, tanto ten que gañe de trinta ou perda de corenta, afronta cada ataque e cada defensa dende o máis estrito compromiso coas ideas do seu coach. Poir iso é un dos grandes especialistas en remontadas da NBA. O que se relaxa ante Philly acaba por pagalo. Tres suplentes alicerzaron a remontada dos 76ers. Por unha banda, Lavoy Allen, o rookie, que demostrou definitivamente que é o único capacitado para defender con eficacia a Kevin Garnett. Fíxoo no segundo partido e volveuno facer esta madrugada (no terceiro non puido por acumular faltas en moi pouco tempo). Allen toma de vez o relevo de Elton Brand, quen fixo unha notable Liga Regular pero ao que se lle están a facer duros de máis os playoffs (apenas 17 puntos en 4 partidos). Por outra banda, volveron ser determinantes Lou Williams e Thaddeus Young, os dous xogadores que nas últimas tempadas converteron o banco dos Sixers nun dos máis produtivos da Liga. Thaddeus Young, como no último partido, foi o mellor do equipo, o único de verdade lúcido en ataque, encarando a canastra con afouteza ou asistindo con intelixencia ao seu compañeiro na pintura Lavoy Allen. Louis Williams, pola súa banda, era capaz de anotar cando máis o precisaba o equipo forzando ademais situacións de 2+1. Pouco a pouco, os Sixers foron recurtando a desvantaxe e ilusionando os seus seareiros. Desactivado Garnett, apenas Rondo e Pierce eran capaces de manter o seu equipo á fronte. Pero a determinación dos Sixers é moita e ao comezo do terceiro cuarto, acabaron por culminar a remontada cun triple de Jodie Meeks. Estaba claro que iamos chegar a un final apretado e non é Philadelphia un dos mellores equipos do mundo en finais apretados, en parte porque o seu xogador franquía, Andre Iguodala, non ten o pulso moi fino nas situacións complicadas. Pero esta tempada o 9 de Philadelphia madurou. Completou unha excelente tempada, reducindo a súa achega anotadora, pero contribuíndo no resto de apartados importantes para o seu equipo, e xa van dúas veces que asume con éxito a responsabilidade nos minutos decisivos dun partido. A primeira no sexto contra Chicago cando anotou os dous tiros libres da vitoria a dous segundos para o final. A segunda esta madrugada, anotando nos momentos finais do partido (3 de 3 en triples), co marcador igualado, e axudando dese xeito a encarreirar o triunfo do seu equipo . Philadelphia dá a impresión de que xoga sempre ao límite das súas posibilidades pero á hora da verdade sempre é capaz de dar un arreón máis se é necesario. Forza o quinto partido sabendo que inda haberá un sexto de novo na súa cancha. Os Celtics, entrementres seguen acumulando minutos nos seus corpos doloridos. Hai eliminatoria!!!

 

OKLAHOMA CITY THUNDER 96-99 LOS ANGELES LAKERS (2-1)

Debeu respirar Mike Brown ao remate do partido. Unha vez máis os Lakers fixeron as cousas como debían, pero inda así víronse abocados a outro final de infarto. Desta volta, porén, non tivo que xogarse Steve Blake a vitoria  a falta de dous segundos. Foi Kevin Durant quen intentou dende nove metros, á desesperada, igualar no último suspiro o marcador para forzar a prórroga, pero  non houbo premio desta vez, inda que xa teña metido máis dunha como esa. Con todo, a desta madrugada, é unha historia que xa coñecemos doutras veces. Despois de dous partidos malos, Kobe e Gasol deciden que hai que solucionar o choio, póñense mans á obra e acaban conseguindo a vitoria cunha boa actuación individual. Pero os Lakers non son equipo que deba funcionar por chamadas ao orgullo. Iso só o fai quen empeza a perder máis partidos da conta. O preocupante para Mike Brown é que mesmo xogando bastante ben, cústalle un mundo gañarlle a un equipo superior, coma os Thunder. Téñase en conta que o big three de Scott Brooks sumou 73 puntos (31 Durant e 21 Harden e Westbrook). Daquela, Kobe Bryant estaba obrigado a respostar e soubo administrar ben, desta vez, o seu interminable talento. Fixo 36 puntos, 14 deles nos momentos decisivos. Bynum e Gasol, sobre todo este último, deron un pasiño adiante con respecto aos anteriores partidos, inda que se de verdade os Lakers queren ser competitivos nesta serie, terán que dar algún máis, De feito, Gasol sufriu as acedas críticas de Jeff Van Gundy, o ex-adestrador dos Knicks e actualmente comentarista da ESPN, quen ironizou a raíz do premio recibido antes do partido polo catalán: o trofeu J.Walter Kennedy polos seus labores benéficos a prol dos máis necesitados. "Se de verdade quere ser un bo cidadán", veu dicir Van Gundy, "que ataque dunha vez no poste baixo". Pero en fin, os Lakers acabaron atopando o camiño da vitoria, sexa polas canastras de Kobe Bryant, sexa polas brillantes accións defensivas decisivas no último minuto (roubo de World Peace, que hoxe volveu facer das súas, a Durant e tapón de Bynum a Ibaka) ou, sobre todo,polo extraordinario acerto de todo o equipo nos tiros libres (41 de 42, 18 de 18 Bryant e 11 de 12 Bynum, cuxa eficiencia no tiro libre é admirable sendo como é un pívot de 2'13). Honestamente, con eses promedios nos tiros libres os Sixers até poderían ser campións (hoxe fixeron un triste 25 de 36). Os Lakers aférranse á ilusión de sumar unha nova vitoria o domingo na casa, inda que sexa tan sufrida coma a desta madrugada, para non ter que afrontar o primeiro match ball na caldeira de Oklahoma City.

 

FOTO: Philadelphia 76ersÂ