1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Coro da Rá atrévese con Frank Zappa

 É unha coral, si, mais unha coral que escapa dos xéneros habituais neste tipo de agrupacións. O Coro da Rá pescuda sobre todo en todos neses estilos que conflúen finalmente no jazz. Xa van 19 anos dende que Ramón Bermejo lle dera para adiante a esta institución da música vocal compostelá dende a escola de música Estudio. Esta fin de semana (sábado ás 20:30 e domingo ás 18:00), no Salón Teatro de Santiago de Compostela, as 40 afinadas voces do Coro da Rá presentan o seu novo repertorio e o comezo dunha nova xeira na que queren dar o salto aos escenarios dos teatros. ´Non nos importa a fama', así lle chaman a esta nova etapa, unha das máis senlleiras na historia da formación segundo confesa o director  do Coro da Rá, coro de cor: Ramón Bermejo, co que falamos para o Dioivo

 

Ola, Ramón. Cóntanos ti n que consiste exactamente o Coro da Rá

O Coro da Rá é un grupo de xente de todo tipo, non necesariamente cantantes ou músicos, que se atopa cada semana para cantar o repertorio que máis nos gusta e que, basicamente, é o repertorio que parte da música negra americana, desde espiritual, até soul, funky, swing, jazz, e tamén pop.. todos eses estilos que acaban confluíndo no que é o jazz. E iso visto dende un punto de vista vocal. 

Remontémonos ás orixes...

O Coro vai cumprir o ano que vén 20 anos. Empezou no ano 93 que foi cando chegeui eu de Barcelona e o fundei na escola de música Estudio, onde seguimos. Tivo moitas etapas, pero xa na primeira, nos catro ou cinco primeiros anos de vida, tivemos moitas intervencións nas ultranoites da Nasa, concertos na Nasa e noutros moitos sitios, e démonos a coñecer pouco a pouco ... Evidentemente o Coro está condicionado en parte pola xente que o conforma en cada etapa. Pode haber unha etapa moi boa,  como a de agora,  e se cadra en dous anos marcha xente e haberá que empezar outra vez.

Cantas persoas pasaron polo Coro da Rá ao longo da súa existencia?

Non sei. Por riba de 200 ou 300 persoas seguramente. Cambiou moitísimo e foi un sitio onde recalaban moitísimos erasmus, por exemplo. Xente que caía por aquí e que eran cantantes de coro nos seus lugares de orixe, perguntaban por un coro e batían con nós, que sempre temos reservadas prazas... Pasou xente de moitos sitios. 

E que novidades presentades nesta nova xeira que arrinca cos concertos desta fin de semana no Salón Teatro?

Trátase de presentar un novo repertorio, despois de estar un par de anos repetindo as mesmas cancións. Nalgúns dos temas que imos presentar imos incluír pequenas percusións de man, porque son temas que con algo de percusión gañan... e despois nalgúns temas imos contar cun pianista, Manolo Gutiérrez, pianista de Sumrrá, para introducir algunha ruptura no que é a sucesión de temas vocais. E despois no repertorio, abondaremos dalgunha maneira no estilo de sempre, coidando especialmente a posta en escena e o son. O prinipal cambio é que a nós coñécesenos sobre todo por cantar nas rúas, ese e o selo de coro, e o que queremos agora é subir un escenario, dispoñer dun son ben feito, dunha boa produción, cunha boa acústica, como a do Salón Teatro, por exemplo, e mudar o chip. 

Como se argalla o repertorio? Que novidades podes adiantar?

Eu vou escollendo en función dos temas que vexo que prestaría facer. Intento tamén meter cousas pouco correntes... Agora imos meter un par de temas soul coñecidos, pero vou meter tamén un tema dunha das miñas iconas musicais que é Frank zappa, nunca escoitara antes un tema de Zappa a capela e é un pequeno reto. Logo tamén metemos temas coñecidos porque á xente gústalle escoitar temas cuxa versión instrumental ten na cabeza. Entre unhas cousas e outras , imos combinando e elaborando o repertorio. 

Fermoso nome: Coro da Rá. Como che acordou?

Como moitos pensan non é por Ra-món, senón porque cando fundei o coro estaba buscando un nome que non fora o típico: coral tal... e tiña diante no piano a partitura de Joao Donato e Caetano Veloso que se chama A Rá, e ese tema empeza con tres palabras: coro de cor. E gostei. Entón o nome oficial é A Ra, coro de cor, pero boeno, o coro da Ra é o nome popular. 

Como se pode formar parte do Coro da Rá?

Normalmente a principio de curso, setembro, convócanse probas dependendo das necesidades do coro. Logo a xente vai entrando en función da xente que marcha. Hai unha proba estándar que é a que fago a todo o mundo dende hai tempo, onde se ve a calidade de afinación, as cualidades rítmicas, capacidade de memorización e interpretación... Non é unha proba difícil pero si que pido uns mínimos para manter un pouco a calidade.