1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 18-05-2013 10:33

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero xúntanse en aCadaCanto

En Galicia e máis alá das súas fronteiras hai algúns nomes de grupos musicais que teñen máis presenza que outros, Berrogüetto é un deste casos, premiado recentemente co Premio da Música pola Mellor Canción en Galego. Nos últimos anos, algúns dos seus integrantes iniciaron proxectos paralelos cuxas calidades ían na mesma liña do grupo. Así naceu Espido, a formación composta por Guadi Galego, voz de Berrogüetto, e Guillerme Fernández, o seu guitarra. Pasaron os anos e Guadi abandonou Berrogüetto para arranxar a súa carreira en solitario, editando Benzón, disco publicado polo selo Músicas de Salitre, responsabilidade do citado Guillerme e Xabier Diaz. Mentres, Berrogüetto facía oficial que Xabier Diaz sería a nova voz de Berrogüetto… Ata aquí, esperamos que todo estea claro.

Xabier Díaz e Xosé Lois Romero coincidiron en Nova Galega de Danza, compañía da que este último foi cofundador e director musical. Vemos que foron moitos os proxectos, discos e traballos nos que estes catro protagonistas coincidiron, en parella, trío ou grupo, pero nunca todos xuntos, xerando a semente de “algo”, aínda sen determinar. Fai uns meses, nos soportais do Concello de Ourense, nun concerto de Fuxan os Ventos no que participaron como convidados Guadi, Xabier e Guillerme e no que o director musical foi Xosé Lois, falando dos seus proxectos individuais futuros, miráronse e dixeron, “por que non?”. E naceu aCadaCanto.

aCadaCanto, o novo disco de Músicas de Salitre

aCadaCanto, o proxecto musical destes catro músicos púxose á venda no pasado martes e foi presentado nos xardíns de camelios centenarios do hotel NH Obradoiro, en Compostela. Trátase de un disco autoproducido e na que todas as facetas da elaboración e distribución asúmenas os propios artistas. Fórmano trece cancións, a maioría orixinais e algunha procedente da música tradicional. A procedencia dos textos e músicas é diversa, aínda que ao final conquerimos unha unidade estética e lírica”, indican os catro responsables do disco. Algunhas das cancións foron feitas para outros discos e remataron neste, coma Aurora ou Lírica do silencio; algunhas, coma Dous meses son de procedencia tradicional, e outras da lírica culta de autores galegos da talla de Xosé María Alvarez Blázquez ou Carlos Rivero.

Segundo os responsables de aCadaCanto, máis aló das diversas procedencias pensamos que as diversas pezas ligaron razoablemente ben entre elas, hai unha importante homoxeneidade estética iso porque os catro respiramos todo o disco dun xeito semellante”, e o resultado é dunha sonoridade especial, conseguida con dous instrumentos, guitarra e acordeón, e as voces de Guadi e Xabier.

Primeiros concertos na Coruña e Santiago

Aínda que aCadaCanto trátase dun proxecto efémero, cun final que chegará pola inevitable volta aos traballos musicais dos protagonistas, aCadaCanto realizará unha xira polas principais cidades galegas: “da mesma maneira que nos xuntamos no estudio para gravar o disco, xuntarémonos no escenario para tocalo. O disco poderá mercarse nos concertos, colaborando desta maneira no seu financiamento, nunha fórmula de crowfunding"apuntaban na rolda de prensa da presentación. As primeiras actuacións en directo deste proxecto serán o 8 de xuño ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e 13 de xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela.