“O obxectivo é que os rapaces de 15 anos flipen con Celso Emilio”
- Detalles
- Categoría: Letras
- Publicado o Domingo, 26 Febreiro 2012 19:47
- Escrito por Carlos Meixide
O monográfico sobre Celso Emilio Ferreiro editado polo colectivo celanovés Arraianos, é unha das grandes achegas sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro, neste comezo de 2012, ano no que se celebra, precisamente, o centenario do nacemento do poeta. Arraianos, asociación nacida ao pé da raia seca, con dúas preocupacións prioritarias: a memoria histórica e as relacións transfronteirizas... tivo sempre dous referentes históricos fundamentais: Celso Emilio e Xosé Velo. Coa publicación do monográfico Celso Emilio fai cen anos, Aser Álvarez coordinador de Arraianos, ve satiasfeita en boa medida a débeda con Celso Emilio Ferreiro, que seguirá sendo protagonista ata o final deste ano, antes de que a asociación se debruce de cheo sobre a figura de Xosé Velo.
Arraianos naceu en 2004 no cemiterio de Celanova precisamente para celebrar o vixésimo quinto cabodano de Celso Emilio Ferreiro. Oito anos despois celebrades con este monográfico os cen anos dos seu nacemento...
Si, É certo. Nacemos nun cemiterio porque en Celanova as poucas cousas que nacen, nacen alí no cemiterio. Cáseque é onde máis vida hai. É curioso; de Celanova saíron poetas dunha forza extraordinaria, xente tan potente como Curros, Celso Emilio ou Ferrín. Como contraste, hoxe o panorama da vida cultural e mesmo económica do concello é moi deprimente.
En todo caso, pódese dicir que si, que nacemos alí no cemiterio entre os xacigos de Celso Emilio Ferreiro e Pepe Velo, que son dúas figuras referenciais para nós, cada unha no seu eido.
E en que consiste, xa que logo, este monográfico?
Este monográfico vén sendo unha pequena enciclopedia sobre Celso Emilio Ferreiro onde están todos os que teñen que estar, todos canto teñen algo que dicir ou opinar sobre Celso Emilio Ferreiro: os que o coñeceron, os que interactuaron con el en diferentes etapas da súa vida... Dalgunha maneira, o monográfico fala ben da capacidade de Celso Emilio para aglutinar arredor da súa figura persoas tan diferentes como as que aquí participan, nalgúns casos tan opostas como a auga e o aceite... Hai que ter en conta que Celso Emilio conseguíu que, por unanimidade, o Parlamento Galego lle dedique o ano á súa figura. Este é un feito que fala da súa forza extraordinaria. Algúns dos colaboradores xa non están, como é o caso de Díaz Pardo ou Xaime Quesada.
Porén, o verdadeiro obxectivo do monográfico é chegar á xente que aínda non o leu, demostrar que o seu discurso e a súa poesía seguen máis vixentes que nunca e que, como di o seu epitafio,"o seu lume segue alampeando". Se conseguimos que os rapaces novos perciban a partir de Celso Emilio que falan unha lingua con capacidade e proxección universal e que se vexan identificados cun discurso tan crítico, tan radical, tan combativo e tan mozo despois de cen anos, teremos conseguido boa parte do noso obxectivo.
Hai que ter en conta que Celso Emilio tiña un sentido rítmico extraordinario, un sentido tan cartesiano da métrica que, por exemplo, cando García (Dios ke te crew) leu os primeiros poemas dixo: Pero este tío escribía para rapear!!! Por iso, que un rapaz de 15 ou 16 anos flipe escoitando rapear a partir da poesía de Celso Emilio, que tiña unha forza e unha enerxía espectacular, é un dos nosos obxectivos.
...porque os Labregos do tempo dos sputniks nacen a partir de arraianos, non si?
Si. Pódese dicir que eu fixen de celestina dos Labregos do tempo dos sputniks. Eran desas persoas (García e o Leo Arremecághona) que as coñeces por separado e dis: pois nalgún momento terán que coñecerse...". Coincidimos os tres nunha das presentacións de Arraianos na libraría Andel de Vigo, e alí xurdíu a química entre eles. Xa máis tarde se lles sumaría Silverio, de Xenreira.
Agora queremos argallar unha serie de presentacións e de bolos ao longo de toda Galicia. Temos dous formatos: un para auditorios e outro máis pequeno e tabernario. Pensamos tamén nos colexios, en chegar aos centros educativos con xente como precisamete os Labregos do tempo dos Sputniks, ou poetas de cada lugar o que vaiamos.
Que material inédito achegades neste monográfico?
Hai material inédito moi interesante. Hai un conto de Celso Emilio Ferreiro; dous poemas moi potentes , un en galego e outro en castelán; e logo achegas moi interesantes e descoñecidas como un longo poema de Manuel Vilanova publicado en 1979 na morte de Celso Emilio. Vilanova é un poeta un pouco maldito pero dunha forza realmente extraordinaria. Está tamén o artigo de Xaime Quessada sobre o Ourense dos 'artistiñas' que lle chamaba, do Volter e todo aquel ambiente... digamos que son achegas moi multidisciplinares e poliédricas pero que nos dan unha visión moi global do que foi Celso Emilio Ferreiro, coas súas luces e coas súas sombras, e tamén do que foi a relación entre a súa vida e a súa obra. Outro dos materiais inéditos é o epistolario, que está aínda por publicar. Nós incluímos, por exemplo, unha carta na que se despide de Cunqueiro, quen acababa de chegar de Caracas de reunirse, precisamente, cos que acababan de botar a Celso Emilio da Irmandade galega. Para que te fagas unha idea da carta, que non ten desperdicio, despídese dicindo: "á merda non te mando porque na merda estarás ti mentres vivas". Imaxina o resto da carta, pois Celso Emilio cando se puña acedo era brutal. É curioso que ao mesmo tempo que ten estes problemas con Cunqueiro, é o home de confianza en Galicia de Camilio José Cela, que sempre acode a el para preguntarlle que se pode publicar ou non en Galicia. O epistolario demostra a excelente relación entre os dous. Eran homes moi parecidos en bastantes cousas, a verdade.
Alén do monográfico, que máis proxectos tedes pensado para este centenario do nacemento de Celso Emilio?
O proxecto máis ambicioso é unha biografía audiovisual de Celso Emilio Ferreiro, un audiovisual que sexa exportable e teña repercusión tamén fóra de Galicia. Esperamos que non sexa un audiovisual só para consumo interno, que tamén, senón que poida ir a festivais e circular por fóra. Evidentemente, non será nada académico, senón moi contemporáneo, afondando no que é precisamente a nosa tese: a contemporaneidade de Celso Emilio.
Por último, nesta Galiza rara na que vivimos hoxe, por onde cres que andaría metido Celso Emilio...
Estaría posiblemente escribindo as súas memorias: Memorias do nunca, que foi o libro que deixou a medio rematar. E logo penso que estaría indignado con moitas das cousas que acontecen neste país, indignado coa desfeita á que foi sometido durante tantos anos e, sobre todo, indignado ante a apatía e pasividade xeralizada que hai. Eu penso que un poeta non é que vaia cambiar o mundo pero si, dalgún xeito, ten que contribuír a remover as conciencias; daquela, penso que Celso Emilio estaría a remover conciencias, que carallo!!! Bebendo licor café e augardente, que era o que lle gustaba, e tocando o pandeiro e a gaita... se llo permitía a saúde claro, que xa tería cen anos e castigouse moito en vida (Risas).
Ver tamén:
Celso Emilio fai cen anos, artigo de Aser Álvarez
Ramón Nicolás publicará en maio a bibliografía de referencia de Celso Emilio Ferreiro
FOTO: Aser Álvarez en primeiro plano durante unha homenaxe de Arraianos á figura de Celso Emilio (Arraianos)



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede