1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 18-05-2013 10:33

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Dickens douscentos anos despois

Hai agora douscentos anos que naceu o xenial Charles Dickens, o Carlos Dickens da memoria dos nosos pais, autor, entre outras obras, daquel memorable Oliverio Twist que os usos tradutolóxicos do século pasado hispanizaron tamén, para mellor asimilación por parte dos indíxenas.

Inmenso Dickens, capaz de proxectar un substrato baixo toda a capa cultural de Occidente, do que saen retallos aquí e acolá, constantemente, empezando polo propio adxectivo dickensiano que podemos oír acotío ata na boca do tertuliano máis indocumentado.

Non é requisito ter lidos os grosos volumes de Dickens para acceder ó seu universo, que unha e mil veces nos é servido en bandexa en forma de adaptacións televisivas, cinematográficas ou impresas. Personaxes como o Scrooge do Conto de Nadal permanecen no subconsciente colectivo, gravados a lume dende a visión de míticas sesións de especiais televisivos de Nadal.

Non se pode dicir, porén, que haxa moita da obra de Dickens dispoñible para os lectores en galego: o mencionado “Conto de Nadal”, aínda que en tres versións distintas (supoño que polo feito de non ocupar máis dunhas asimilables 100 páxinas), unha escolma de contos de fantasmas, e mais “Oliver Twist”, que lles traduciu este servidor vai xa para sete anos. É unha discreta mostra das dúas ducias de libros que publicou o autor en vida. A ela únese estes días unha modesta contribución: a versión galega de “Grandes Esperanzas” que vou facendo no meu tempo libre, coa asistencia dun tradutor automático, dende a tradución castelá realizada en 1886 por Pérez Galdós. Este experimento, por entregas, como o foron na súa orixe moitas das obras de Dickens, está dispoñible para quen lle interese en anodickens.blogspot.com.

Hai agora douscentos anos que naceu Dickens e a realidade non pode ser máis dickensiana nos eidos político, laboral, económico e social. Aquela escura sociedade da Revolución Industrial, con familias sumidas na miseria pola aplicación dun esquema que lles negaba ós humildes un gramo máis do alimento estritamente necesario para morrer de inanición, é tendencia esta década. Xa nos ensina Dickens precisamente en “Grandes Esperanzas” o oposto papel que teñen personaxes como o do ferreiro Joe Gargery no modesto desempeño dun traballo honrado e produtivo fronte ás aspiracións do protagonista Pip de ascender a unha clase superior na que o diñeiro, máis que a recompensa por un traballo que lle serviu de utilidade a alguén, devén unha materia funxible que hai que esforzarse en gastar de forma atropelada.

O que nos salva na obra de Dickens da aspereza da realidade en que se inspira é un humor ácido e incisivo, que non tarda en asomar en todas as súas historias. Del teremos que botar man para aturar as próximas entregas do tétrico relato que nos toca vivir nestes tempos.

Fotografía: Alfred Bryan (1852-99) Wikipedia