“Sempre tirei cara ao cine de xénero cunha segunda lectura menos de 'palomitas”
- Detalles
- Categoría: Fotogramas
- Publicado o Xoves, 24 May 2012 00:35
- Escrito por Montse Dopico
Héctor Carré estrea en Cans, hoxe ás 20:30 horas no Círculo Recreativo e Cultural de Porriño, a súa película 'Personal Movie', unha aposta polo cinema de xénero na que, como el di, se propón ademáis unha segunda lectura sobre o segundo "ritual de iniciación" que supón espertar á realidade dun mundo que é como é e non como queriamos de mozos.
Contas na web da película que foi ao ter un fillo cando te decidiches a tratar o tema do legado dos pais. Como foi?
Hai moitas películas que falan de rapaces que chegan á idade adulta. Pero non tantas de persoas maiores que son adultas mozas, pois hai un segundo tránsito entre ser un adulto e ser un home feito e dereito. Cando naces teu pai cóntache o mundo dunha maneira, despois na adolescencia descobres o mundo pola túa conta e decátaste de que non era como cho contaran, pero chega un momento que te decatas de a visión que che deran teus pais non era tan inexacta. Esa foi a idea de partida.
Por iso falas do segundo ritual de iniciación que nos leva a aceptar a realidade tal como é e non tal como nos gustaría que fose, porque chega un momento en que xa non vale botarlle a culpa a ninguén...
Si, ese ritual que antes era a Primeira Comunión, por exemplo, foise facendo a idades cada vez máis temperás. Facíase cando se supoñía que xa non eras un neno, que tiñas uso de razón...
No blog falas moito do bos que son os actores: Chete Lera, Santi Romay, Jelena Molina, Miguel de Lira, Víctor Mosqueira, Isabel Blanco e Deborah Vukusic. Son intérpretes con traxectorias ben diferentes.
Traballei moito con directores, e sei que unha das decisións máis importantes do director é a escolla dos actores. Se non son bos, o director non pode facer que a historia quede ben. Eu traballo con eles sobre todo nos ensaios, para chegar á gravación sabendo xa ben o que queremos. Que os actores sexan diferentes sempre che pasa. A Carmen Maura non lle gusta nada repetir tomas, a Ana Fernández si... E o traballo do director é tamén atopar un termo medio para que todos estean a gusto.
A trama é de suspense, pero a película admite unha dobre lectura, con ese fondo que comentabas antes, non si?
Si, é unha película de xénero, con ese trasfondo. A acción está protagonizada por un home que atopa un brazo humano na neveira, e non lembra nada do que pasou. Como puido ser el, non chama a policía, senón a seu pai, con quen ten unha relación moi mala. Tamén é moi importante na trama a relación que ten cunha moza inmigrante, da que se namora.
Nas notas do director citas 'Casablanca', entre outras influencias.
Cando empecei a traballar no cine tentaba facer cousas diferentes ás que coñecía, pero despois decateime de que iso era moi difícil. Cando pensaba que fixera algo distinto, sempre aparecía unha película na que alguén xa fixera iso mesmo. Moitas veces se algo non se fixo é porque non pagaba a pena facelo. Vin unha vez a triloxía das 'Comedias Bárbaras' toda seguida, e aquilo facíase insufrible... Por iso, cando enfrontas unha historia, sempre tes a cabeza chea de referencias. Nesta película hai, por exemplo, unha referencia á escena final de 'Casablanca', e outras homenaxes.
A cámara é como unha personaxe máis. Vai empuñada en man, e ás veces xógase á confusión entre narrador e protagonista. Como pensastes este tratamento?
Tal como están os tempos sempre traballas con menos cartos dos que precisarías. Rodei con dúas cámaras de alta definición, e así fixen unha cobertura ampla das escenas, que despois me permitiu darlle ritmo á montaxe. Eu sempre movo moito a cámara, de todas maneiras.
Non son moi habituais as películas de xénero no noso cine, non si?
Eu sempre tirei cara ao cine de xénero con esa posible dobre lectura menos "de palomitas" da que falabamos, como se facía en Estados Unidos nos 80. O noso cine é moi diverso, cada un fai o que lle parece ou o que pode, tampouco hai estabilidade na industria para facer o que che dea a gana. Si é certo que ás veces desde as institución se fomenta un determinado tipo de cine, sen continuidade: ás veces hai que facer cine social, outras cine artístico...
O protagonista, Manolo, pensaba que vivía no ceo e descobre un inferno de asasinatos. Decátase de que nin seu pai, nin a muller da que se namora, nin el mesmo, son as persoas que el pensaba que eran. Non deixa de ser unha historia de alguén que se encontra a si mesmo, esta vez sen buscarse.
Si, tamén busquei retratar un clásico do cine español, que é o pelanas que vai presumindo do que non é. Un clásico da comedia que non aparece nos outros xéneros. Un tipo, no fondo, acomplexado, e por iso preocupado por aparentar.
O título é, supoño, un xogo coa palabra 'movie', tan común no xénero, pero complementada coa idea de que tamén é un traballo persoal.
Si, é moi típico destas películas que leven "movie" no título, pero sería unha movie persoal. De feito Manolo ten unha cámara e vai gravando o que lle pasa, e descobre o que non querería descubrir.
FOTO: www.personalmovie.es



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede