“Para min, non tería sentido unha poesía sen nada autobiográfico”
- Detalles
- Categoría: Creación
- Publicado o Xoves, 21 Xuño 2012 08:02
- Escrito por Montse Dopico
É o baleiro,/ ESTE, e non outros/ o seu propio./ O que se abre á calor/ suave/ dos dedos/ na flor da pel.”. Así comeza ‘Diáspora’, (Acha Escrava), o novo libro de María N. Soutelo. O resto, ata a última páxina, é íntima deconstrución. Baixada aos infernos da dor. Para construírse despois, de novo, desde as cinzas. Xa di a autora que hai que acudir ao texto desarmados. Sen medo a deixar que os versos devoren o corpo e a alma. Que é o que fan. Voraces. Falamos con ela, aproveitando que anda a presentar este seu segundo poemario.
O título está recollido no último verso. “E agora..., nesta diÁspora maldita... Onde estás?”. Por que o escolliches?
Porque é a palabra que creo que define mellor o poemario, a máis axeitada, por iso figura como título.
Falas de diáspora, pero interior. De auténtico descenso aos infernos. Como xorde o poemario?
Dun proceso, dunha experiencia vital que necesitaba saír. Para min a escrita é como unha terapia. O libro nace da miña propia experiencia, é bastante autobiográfico, e si ten moito de descenso aos infernos. Para min, unha poesía que non tivese nada autobiográfico non tería sentido.
Hai verso libre en poemas curtos, que alterna con prosa poética. Foi buscada esa alternancia?
Pois coloquei os versos como foron nacendo, non pensei especialmente na distribución. Fun escribindo, e modificando cousas...
A linguaxe é limpa. Hai moitas imaxes, mais parece que buscas claridade. É así?
Si. Procuro ser o máis clara posible. Non necesito máis artificios, só o básico, o minimalismo na escrita. Si é certo que a imaxe é moi importante no libro, como se estivese facendo unha fotografía do momento.
Na primeira parte, no tratamento do corpo, podería haber pegadas de Iolanda Zúñiga, de Lupe Gómez, de Yolanda Castaño... Hainas?
O certo é que son máis lectora de Historia, que é o que estudei, que de poesía. As conexións que pode haber con esas autoras virán, seguramente, máis ben pola coincidencia xeracional e vivencial.
Cóntasnos un proceso de destrución dunha persoa, inducida se cadra por outra persoa que a maltrata, pero non necesariamente. A historia avanza con subas e baixadas...
Si, é o desenvolvemento dun proceso de deconstrución da persoa. Podería ser unha historia de maltrato, pero non necesariamente. Hai moitos xeitos de sentirse agredido desde o exterior. É baleiro, destrución, para poder reconstruírse despois. Necesidade de arrasar con todo.
O corpo ten un protagonismo grande, sobre todo na primeira parte. Un corpo podre, desfeito. Por que?
Non me refiro ao corpo físico, senón ao espírito da persoa. Esas imaxes serven para falar da destrución da propia personalidade. A degradación do corpo é imaxe da destrución da persoa. Ademais, desfeita do corpo e da alma van ligadas, na práctica: é o que lles pasa ás persoas que viven procesos autodestrutivos, como a protagonista do libro.
Hai unha estrutura en partes, separadas por títulos. Que significado ten?
Ningún especial, en realidade. Entendo o poemario como unha unidade, da que se faltase algo se estaría a castrar a línea narrativa do poema. Se cadra si a parte que se titula 2 9 rompe un pouco esa línea, poderiamos dicir que a parte un pouco.
Fala moito o poemario de mentira, falsidade. Por que?
A falsidade é parte da historia. No proceso autodestrutivo que vive, a protagonista disfrázase cunha coiraza de muller fatal, de maquillaxe... É como unha falsa personalidade detrás da que se agocha, unha impostura baseada nese rol.
FOTO: www.catrogatos.com



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede