"Temos que cambiar costumes que perdemos hai 20 ou 30 anos"
- Detalles
- Categoría: Contra vento e marea
- Publicado o Martes, 28 Febreiro 2012 18:31
- Escrito por Xela Cuñarro
Na rúa do Lirio, no centro de Cangas, hai dende tres semanas un novo lugar no que poderás atopar “xoiería, roupa vintage, antigüidades, mobiliario e cousas bonitas en xeral”, segundo recollen na súa autopresentación. "A tenda de Xiana xorde da idea da miña irmán e máis miña de montar algo alternativo no Morrazo” conta Davide Salvado. “Dedícome á música, agora mesmo os músicos temos moito tempo libre, desgraciadamente, como todo o mundo e por iso tamén me embarquei no proxecto”. Quixeron ubicar o seu proxecto no Morrazo, por ser o seu lugar de orixe e, entre a oferta existente, elixiron Cangas. Salvado afirma que a resposta da xente está sendo moi boa, igual por estar nas datas do Nadal, xa que dende o primeiro momento entraron clientes na nova tenda. Esta boa resposta inclúe “vender cousas que nos sorprenderon”, xa que algunha das antigüidades alcanza prezos elevados.
En canto ó mercado de segunda man, o músico asegura que “culturalmente é complicado de aceptar, xa que a xente tira a roupa usada e soe estar mal visto reutilizala”. A pesares disto ten unha idea clara, a necesidade de “cambiar costumes que perdemos hai 20 ou 30 anos, reciclar roupa, arranxar os zapatos en vez de tiralos... Un pouco a crise é unha chamada de atención, a facer unha parada do despilfarro, do ritmo de vida que levabamos e que puido ser unha das causas da crise”. Insiste na idea de que todo é cuestión de mentalidade e cultura e está no certo. Hai países nos que o mercado de segunda man é realmente importante, e non é raro que alguén decida vender as súas pertenzas na mesma porta da súa casa antes de mudarse, por exemplo. Pode que este sexa o momento perfecto para comezar a cambiar.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede